O aviso amarelo trae este martes chuvia, vento e ondas de ata cinco metros
Punta Candieira, en Cedeira, rexistra os maiores refachos de vento este martes, con 125,8 km/h
O temporal deixa xa preto de 400 incidencias entre o luns e as primeiras horas do martes
(Imaxe directo: cámara web CSAG en Ortigueira)
Galicia ten activados este martes avisos amarelos por choiva, vento e fenómenos costeiros debido á influencia dunha gran borrasca situada sobre o Atlántico norte, que deixará precipitacións intensas no interior de Pontevedra, refachos superiores aos 80 quilómetros por hora e ondas de ata cinco metros en distintos puntos do litoral.
O Centro Integrado de Atención a Emerxencias do 112 Galicia xestionou entre este luns e as primeiras horas do martes 395 incidencias relacionadas co temporal.
Ademais, alcanzáronse as 2.466 chamadas durante este intervalo, aínda que non houbo que lamentar incidencias de consideración. A maioría deste avisos chegaron por incidentes relacionados coas vías de circulación, como a caída de árbores ou ramas nas estradas.
Segundo o boletín de avisos publicado este martes por MeteoGalicia, o interior de Pontevedra estará en alerta amarela por precipitacións acumuladas superiores aos 40 litros por metro cadrado en 12 horas, especialmente durante las últimas horas da xornada.
En canto ao vento, espéranse refachos superiores aos 80 quilómetros por hora na Mariña e nas zonas de montaña de Lugo e Ourense. Estes episodios motivarán avisos amarelos en diferentes franxas horarias, principalmente durante la segunda metade do día.
As estacións de MeteoGalicia rexistraron os maiores refachos de vento en Punta Candieira, en Cedeira, con 125,8 quilómetros por hora ás 2:00 horas, seguida de Penedo do Galo, en Viveiro, con 115,7 quilómetros por hora á 1:10 horas, e A Gándara, en Vimianzo, con 106,2 quilómetros por hora á 1:20 horas. Tamén se alcanzaron os 97,6 quilómetros por hora en Malpica de Bergantiños e os 96,7 na Pontenova.
Pola súa banda, os maiores rexistros de precipitación acumulada contabilizáronse en Forcarei, con 36 litros por metro cadrado, seguido de Fornelos de Montes, con 30,7; Castrove, en Poio, con 24,5; Xesteiras, en Cuntis, con 25,5; e Vigo-Campus, con 25,1 litros por metro cadrado.
O litoral do país tamén ten activado un aviso amarelo por vento do suroeste de forza 7, con intervalos de forza 8 nos arredores de Estaca de Bares. Este fenómeno afectará á Mariña, a Costa da Morte e o noroeste da Coruña.
Así mesmo, espéranse ondas de entre catro e cinco metros na Costa da Morte e o noroeste da Coruña durante las últimas horas do día. Este mesmo estado do mar estenderase á Mariña e ás Rías Baixas ao cabo da xornada.
A comunidade continuará así baixo a influencia da borrasca atlántica, con avisos amarelos por distintos fenómenos meteorolóxicos adversos. A previsión advirte ademais un empeoramento da situación no litoral na xornada do mércores, cando o aviso amarelo pasará a ser laranxa en toda a costa galega.