Cincuenta veciños de Valdeorras permanecen illados tras colapsar unha ponte por mor das riadas
Galicia permanece en alerta amarela por chuvias, que deixaron ata 68 litros por metro cadrado en Redondela e Fornelos de Montes
As fortes choivas caídas en Galicia desde a pasada medianoite manteñen incomunicado o núcleo de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, ao derrubarse pola forza da tromba de auga unha ponte e un tramo da OU-807.
A pequena aldea de San Vicente, duns cincuenta habitantes, xa sufriu en 2025 os incendios forestais que afectaron duramente a Galicia durante aquel verán e agora son as riadas as que se cebaron co lugar, agravadas ademais pola enorme acumulación de vexetación.
Ata o lugar desprazáronse distintos medios e recursos do Concello e da Deputación de Ourense co obxectivo de avaliar a situación estrutural da ponte. Tamén os membros do GES de Valdeorras comprobaron os danos e, polo momento, descartan que exista perigo para a xente.
Non obstante, verificarán as pontes restantes río abaixo e avisan de que a estrada que comunica os núcleos do Mazo e San Vicente está cortada, deixando así o segundo núcleo, de catro vivendas, tamén incomunicado.
Desprendementos en Quiroga e no Porriño
En Quiroga, na parroquia de Freixeiro, produciuse un desprendemento de terra e pedras dun noiro na vía do tren cara á estrada local. A inseguridade na zona motivou o corte da circulación ferroviaria e un tren con sete pasaxeiros quedou detido e tivo que retroceder cara a Monforte.
O 112 Galicia advirte de que debe manterse a vixilancia na zona ante a posibilidade de que continúe o desprendemento, que, ademais da vía e da estrada local, afectou o aparcadoiro da estación de Freixeiro.
No Porriño o vento desprendeu unha chapa que golpeou contra un coche, e en Pontevedra inundouse o centro deportivo da Praza da Constitución.
En total contabilizáronse en Galicia arredor de 200 incidencias relacionadas coa meteoroloxía, das cales a maior parte estiveron motivadas pola acumulación de auga en rúas e estradas, caída de árbores, desprendementos de terra e pedras e inundacións en vivendas, baixos e garaxes.
Ante o risco de desbordamentos, as autoridades galegas activaron o Plan Inungal para o control e seguimento do nivel de caudal dos ríos.
As intensas chuvias deixaron este domingo preto de 70 litros de chuvia por metro cadrado en Redondela e Fornelos de Montes. En Santa Comba, na mañá deste luns recolléronse xa 23,2 litros.
A Aemet mantén activa a alerta amarela por chuvias en Galicia e en toda a Cornixa Cantábrica.