Os ríos galegos están baixo vixilancia ante a previsión de precipitacións abondosas
A Xunta mantén activo en fase de preemerxencia o plan Inungal
Aínda que o Xuvia discorre con normalidade ao seu paso por Narón, aquí a veciñanza sabe que a situación pode cambiar en cuestión de horas. As enchentes son habituais cando se encadean varios episodios de chuvia intensa.
"Inundar, inunda todos os anos varias veces no inverno, cando chove moito", sinala un veciño.
Para minimizar o risco, o Concello de Narón limpou as marxes do cauce, como vén facendo nos últimos anos.
"A verdade é que o deixaron moi ben. Non sei se terán que limpar máis porque quedan algunhas pólas. A ver se este ano non ocorre", comenta outro.
Polo momento, non choveu demasiado, pero a imaxe que ofrece hoxe o río é ben distinta da da semana pasada.
"Agora está aproximadamente na metade, pero o domingo pasado ía totalmente seco", asegura un home que pasea con frecuencia pola zona.
Unha evolución que tamén se observa noutros puntos de Galicia. En Pontevedra manteñen a vixilancia sobre o río Gafos, que noutras ocasións chegou a anegar o paseo fluvial na contorna da Ponte Boleira. En Caldas de Reis, o río Umia tamén experimentou un notable aumentou do caudal.
A activación do Inungal en fase de preemerxencia permite reforzar a atención nas zonas máis vulnerables. Trátase dunha medida preventiva que mantén os servizos de emerxencia preparados ante unha posible evolución desfavorable da situación.
As autoridades piden prudencia á cidadanía: non atravesar zonas inundadas, evitar achegarse aos ríos cando leven moita auga e extremar as precaucións nos desprazamentos.