O concello de Lalín reparte auga embotellada mentres arranxa a turbidez da traída
O Goberno municipal comunicou este venres que a auga da billa non é apta para o consumo
A empresa subministradora apunta a un problema no filtrado por mor das choivas
Bares e cafetarias traballaban esta xornada en Lalín con relativa normalidade despois de que este venres dende o concello se comunicara de xeito preventivo que a auga da traída non era apta para o consumo por mor dun episodio de turbidez.
"Levamos utilizando a auga de botella que nos deu o concello e aquí temos un sistema de pozo que bombea igual, pero de momento imos utilizando esa auga", aseguran dende a cafetaría Alfonselle, no centro de Lalín.
A mediados desta semana os residentes, tanto do núcleo urbano como doutras zonas do concello, comezaron a comprobar como a auga da traida saía turbia e escura.
Dende o concello aludiuse a que os sistemas de filtrado da estación subministradora quedaron superados polas últimas choivas. Denden entón os veciños teñen que usar auga embotellada para cociñar, pero non poden usar a ducha ou poñer unha lavadora.
"A auga saía turbia e con mal sabor", recoñecía unha das residentes.
Mentres tanto, o concello subministra botellas de auga en tres puntos da vila. O sábado repartíronse 11.000 botellas e o domingo estaba previsto repartir 15.000.
"Pedimos unha pronta solución. Neste mundo que vivimos é unha vergoña non poder abrir a auga. Que cobrar van cobrar o recibo igual", comenta un dos veciños.
Dende o concello aseguran que a empresa subministradora continúa os traballos para arranxar canto antes a situación, aínda que as intensas precipitacións das últimas horas non están axudando.
Non se pronuncian sobre cando podería estar solventada a avaría, aínda que si confirman que os puntos de subministración de auga embotellada continuarán funcionando ata que a auga clara e transparente retorne as casas.