Alerta laranxa no interior de Pontevedra por chuvia que provocou estragos na cidade
Os veciños de Fernando Olmedo sufriron anegamentos na rúa e nos garaxes
Un desprendemento de terra e pedras obrigou a cortar a estrada PO-542
Continúa a chegada de borrascas que deixan chuvias fortes en Galicia. O aviso laranxa decretado pola Aemet está activo desde a medianoite ata as seis da tarde. A previsión é que poidan caer ata 80 litros por metro cadrado en 12 horas nos concellos do interior da provincia de Pontevedra. As comarcas máis afectadas están sendo a do Deza, Terra de Montes, A Paradanta e concellos como Moraña ou Cuntis onde os servizos de emerxencia tiveron varios avisos esta mañá.
"Atascáronse os sumidoiros, coa auga que caeu inundáronse un pouco os baixos dalgunha casa. Auga esta mañá caía. Había bolsas de auga cara a autoestrada, en Caldas, que dificultaban o paso dos coches"
A Xunta activou nestes concellos a alerta laranxa e suspendeu a actividade deportiva federada e o programa Xogade no exterior, agás para os deportes náuticos. No concello de Pontevedra, a Garda Civil tivo que pechar esta mañá a estrada PO-542 debido a un desprendemento de terra e pedras provocado pola auga. Foi á altura da parroquia de Bora e pouco antes da unha abriuse a circulación no carril esquerdo da vía.
Na propia cidade producíronse tamén anegamentos durante as últimas horas, por mor das precipitacións intensas que lle afectaron principalmente aos veciños da rúa Fernando Olmedo. A auga entrou nos garaxes e nos coches que estaban estacionados fóra e arrastrou os colectores do lixo. A estación de Campolongo superou os 50 litros por metro cadrado de chuvia acumulada ata o mediodía.
A fronte tamén obrigou a activar o aviso amarelo na zona das Rías Baixas e nas beiras do Miño, onde se agardan ata 60 litros por metro cadrado. O mesmo aviso está activo en toda a provincia da Coruña, no centro de Lugo e no Sur e Noroeste de Ourense.