Charles provoca inundacións, cortes de tráfico e a cancelación de 380 voos en Portugal
Os servizos de emerxencia atenderon máis de 1.600 avisos nas últimas 24 horas
Os centros educativos abriron de novo as súas portas finalizada a situación de alerta
Portugal avalía os danos causados pola borrasca Charles, que sacudiu o país nas últimas horas aínda que con menos forza da que se prevía nun principio. Os centros educativos e servizos públicos, que pecharan por precaución, volveron reabrir as súas portas, mentres as autoridades traballan na reparación dos estragos causados por Charles.
Protección Civil contabilizou máis de 1.600 avisos por desprendementos, inundacións, caídas de árbores e outros danos. Houbo ademais que cancelar preto de 400 voos en catro aeroportos do país.
A área metropolitana de Lisboa, a península de Setúbal, o sur da capital, e o Algarve foron as zonas máis afectadas.
En Lisboa, a auga deixou coches parcialmente mergullados xunto á estación de Oriente.
En Setúbal doce persoas tiveron que abandonar as súas vivendas a través dos tellados e en Madeira foi preciso rescatar un home que quedara atrapado no interior do seu vehículo tras ser arrastrado por un regato.
O temporal provocou cortes de tráfico en oito vías, a suspensión de trens e autobuses e a cancelación de 380 voos.
6.669 efectivos mobilizáronse para asistir os afectados por esta borrasca que abandonou xa Portugal tras finalizar ás 23:59 horas deste mércores a situación de alerta.