Un San Martiño pasado por auga en Ourense
A chuvia frustrou os magostos no monte, pero o da cidade estivo concorrido
Cumpría valor en Ourense para subir ao monte este San Martiño, o día máis chuvioso do que levamos de outono e, ademais, xornada de folga.
"Como hai folga xeral, a xente non quixo traballar, asar as castañas, o churrasco, o chourizo... Nós xuntámonos todos os anos aquí, chova, neve ou o que faga", comenta un veciño en Montealegre.
En Montealegre atopamos un grupo de valentes, con acubillo nun pequeno galpón baixo o que se congregaron quince persoas.
"Estar entre familia e desfrutar un pouquiño do monte e do campo. E comer as castañas, claro", resume unha das participantes.
Moitos máis optaron polo magosto popular, o que organiza o concello de Ourense e que este ano saíu de balde, un agasallo municipal para compensar o mal tempo.
"Déronnos o vasiño de viño, que está moi rico, o boliño de pan co chourizo, riquísimo". "Todos os anos comemos castañas, bica... aínda que chova", comentan dúas persoas.
Houbo actividade en varias prazas da cidade, cubertas con carpas para protexer da chuvia aos que esperaban pacientemente a súa quenda para as castañas.
"Teñen que estar no punto, nin moi queimadas nin crúas. E despois, deixalas repousar, iso é moi importante", explica unha das encargadas de asar as castañas.
Todo acompañado con música, para festexar o patrón de Ourense.