Os magostos chegan á provincia de Ourense nas vésperas do San Martiño
O martes é o festivo local pero moita xente xa subiu ao monte para asar as castañas
Tamén houbo magostos populares en numerosos concellos, como Baños de Molgas
Os veciños de Baños de Molgas teñen experiencia na organización do magosto popular. Levan 42 anos cumprindo con esta tradición tan ourensá.
"Na provincia de Ourense a castaña é fundamental, como na costa a sardiña", asegura José Manuel Rodríguez, membro da organización.
As cantidades falan por si soas. Douscentos quilos de carne ao caldeiro e outros tantos de castañas. As potas cocen a lume manso, mentres, a ambos os dous lados do lume, vanse facendo os cachelos.
"Incluso vén xente de fóra que non está. De Andalucía, País Vasco, Madrid, Zamora... e veñen porque son fillos do lugar. Morriña. Non me atrevo a dicir saudade, pero si morriña", comenta un dos cociñeiros.
Os que van chegando, van probando as castañas.
"Están moi boas, a pesar de que non choveu. Non tiveron moita auga pero boa calidade e grandes", certifican dous veciños.
Antes de botalas á tixola hai que lles facer un corte para que non estoupen.
"E facer un braseiro moi bo. Non que vaian en lapa, calor e darlle unha voltiña de vez en cando", explica o castañeiro.
Ao ritmo das charangas van chegando os veciños. Queda por diante unha longa noite de magosto, a festa máis popular do outono ourensán.