Publicador de contidos

Publicador de contidos

Degustacións, preparacións novidosas e cociña en vivo na feira Etiqueta Negra

Degustacións, preparacións novidosas e cociña en vivo na feira Etiqueta Negra

A mostra reúne en Pontevedra profesionais, produtores e público interesado na gastronomía

Un cento de expositores amosan alimentos e bebidas que innovan en elaboración e envasado

G24.gal 07/11/2026 21:00 Última actualización 07/11/2026 21:18

A feira Etiqueta Negra chega ao décimo aniversario cun cento de expositores, moitos deles presentes desde a primeira edición.

"Sempre nos gustou a idea desta feira, de aglutinar os produtos gourmet de Galicia que non tiñan moita visibilidade, do comercio máis pequeno, produtos que non se poden agrupar nas grandes superficies", conta Olga Milla do centro de maduración Paladarqueso.

No recinto feiral de Pontevedra hai espazo para catar alimentos e bebidas, demostracións de cociña en vivo e reunións profesionais. Os visitantes poden degustar as novidades da man dos seus elaboradores.

"Hoxe presentabamos aquí en Etiqueta Negra unhas láminas de amorodo e de tomate que facemos deshidratando as froitas cun deshidratador solar. Permítennos eliminar desperdicios e dan máis facilidades de uso", explica Rosendo Estévez, de Trasdeza Natur, sociedade cooperativa.

Produtos novidosos na elaboración ou no empaquetado, como estas botellas de albariño cunha caracola de madeira de tapón.

"Escóitase, escóitase, é coma as caracolas do mar que collemos de pequenos e poñemos ao lado do oído. É o mesmo", afirma Claudio Enríquez, bodegueiro de Sanxenxo.

No apartado das carnes, as de gando autóctono en perigo de extinción.

"Cada ano a xente interésase máis polas razas autóctonas polo sabor e máis polo xeito en que está veteada a graxa", asegura Roberto Louzán. gandeiro de raza freiresa e caldelá.

"Estamos moi satisfeitos porque vemos que en Galicia se moven cousas e que temos un amplo abano de produtos que moitas veces non sabemos que os temos aquí", asevera Vanessa López Chousa, da organización da feira.

A feira está aberta ata o luns pola mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade