España é o país europeo no que se fan máis pasos diarios, un dato que inflúe na saúde cidadá
O promedio de pasos en España sitúase no 8752 ao día
Camiñar dous ou tres minutos cada media hora pode diminuír o risco de mortalidade nun 50%
España sitúase á cabeza de Europa en canto ao número de pasos diarios. Segundo a aplicación Macadam, os españois camiñan un promedio de 8.752 pasos por día, por riba de países como Italia, Reino Unido, Francia ou Alemaña. Este dato aumenta con respecto ao do pasado ano e tradúcese nun xeito de levar unha vida máis activa.
"Faime ben andar. Camiño unha hora cada día, se fai bo tempo".
"Camiñar? Para min aporta de todo, atópome máis novo".
Pasear en compañía e aproveitar os espazos verdes das vilas e cidades son algunhas das chaves para non abandonar este hábito que repercute de forma moi directa na saúde.
"Andar fai que diminúa o risco de eventos cardiovasculares, coma os infartos. Por outro lado, axuda ao noso sistema músculo-esquelético, fortalece músculos, mellora as articulacións e reduce o risco de osteoporose. Tamén inflúe a nivel mental, porque diminúe o estrés, regula a depresión e axuda a que durmamos mellor", indica María Teresa Castro, médica de familia en Vimianzo.
O feito de erguerse dous ou tres minutos cada media hora rebaixa o risco de mortalidade ata nun 50%. Hai quen chegou a esta actividade por recomendación médica e agora xa o converteu nunha afección.
"Eu ando por recomendación médica. Estou operada dun tumor e vexo que me fai moi ben, se non estaría no sofá todo o día".