Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nova mobilización para reclamar un tren digno en Ferrolterra

Nova mobilización para reclamar un tren digno en Ferrolterra

Esixen trens seguros e modernos, e cumprimento de horarios, para unha comarca que, insisten, está esquecida

O Foro Cidadán polo Ferrocarril anuncia que manterá a presión social ata conseguir avances reais

G24.gal 07/11/2026 14:58 Última actualización 07/11/2026 15:20

Ferrolterra, Eume e Ortegal seguen a reclamar un servizo ferroviario digno. O Foro Cidadán polo Ferrocarril convocou este sábado unha concentración diante da estación de tren da cidade.

Con esta mobilización , o colectivo quere manter viva unha reivindicación que, advirte, non pode quedar esquecida, independentemente de quen chegue a gobernar tras o 29-N.

"O que queremos é xa a medio longo prazo haxa investimentos para que a liña ferroviaria Ferrol- A Coruña, A Coruña-Ferrol pase o ser unha liña ferroviaria do século XXI. Con respecto ás nosas comarcas hai unha obriga que resolver, goberne quen goberne e o nov goberno que non comece de cero, que non diga que non sabe do que falamos. Queremos tamén un tren cen por cen público e un tren seguro", di Fernando Ramos, portavoz do Foro Cidadán polo Ferrocarril de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

"Isto é unha indecencia co abandono ao que nos someten as administracións", destaca Alexandre Carrodeguas, Plataforma por un transporte digno.  

Baixo o lema «Polo dereito ao tren», a cidadanía volveu facer visible o seu malestar pola situación do ferrocarril na comarca e reclaman ás forzas políticas compromisos firmes co futuro do tren.

"Non son usuaria de tren porque non hai opcións", di unha participante na concentración.

O Foro Cidadán polo Ferrocarril reclama un servizo público, moderno e seguro, adaptado ás necesidades da poboación. Entre as principais demandas, a modernización da liña Ferrol-A Coruña, o incremento das frecuencias, uns horarios que permitan desprazarse para traballar ou estudar.

A concentración chega, ademais, nun momento marcado pola convocatoria de eleccións xerais e tras o tráxico accidente en Urda.

"Estamos vendo como Ministerio de Transportes están máis ocupados noutras cousas que en mellorar a rede ferroviaria de toda España. É xusto que Ferrol teña a mesma conexión ferroviaria que as grandes cidades de Galicia e de España. Estou convencido de que o vindeiro Goberno do Estado vai atender esas reivindicacións, vai poñer Ferrol onde se mrecese, algo que non pasou nos últimos catro anos", engade José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol.

Reclaman investimentos, prazos concretos e un calendario de actuacións que permita poñer fin a décadas de atraso ferroviario.

A mensaxe é clara: Ferrolterra, Eume e Ortegal non renuncian a contar cun ferrocarril do século XXI. O colectivo anuncia que manterá a presión social ata conseguir avances reais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade