Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os maquinistas manteñen a folga tras a segunda reunión con Cuerpo

Os maquinistas manteñen a folga tras a segunda reunión con Cuerpo

O vicepresidente, encargado de Transportes, dixo, ao remate da reunión que traballan "ao máximo para cumprir uns compromisos que son importantes en materia de seguridade"

O secretario xeral de Semaf afirma que "ven un cambio de postura na negociación pero non é suficiente para desconvocar os paros"

O sindicato ten convocada no grupo Renfe folga o 10 de novembro e paros parciais o 12

Estación de Atocha. Europa Press-Arquivo Estación de Atocha. Europa Press-Arquivo
G24.gal 06/11/2026 19:20

O Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (Semaf) mantén a convocatoria dunha folga e paros parciais no grupo Renfe para os próximos 10 e 12 de novembro, respectivamente, despois dunha segunda reunión co vicepresidente primeiro do Goberno, Carlos Cuerpo, que asumiu de xeito transitorio a titularidade do Ministerio de Transportes.

Trátase dunha nova reunión, tras a celebrada este xoves, á que foi citado o secretario xeral de Semaf, Diego Martín, polo novo ministro de Transportes, nomeado despois da dimisión de Óscar Puente por mor do accidente de trens de Urda.

Ao termo do encontro, Cuerpo asegurou este venres aos medios que o ministerio está a traballar "ao máximo para cumprir uns compromisos que son importantes en materia de seguridade"

"Así nolo sinalan os sindicatos e imos poñer toda a carne no asador para facelo canto antes", destacou.

Aínda que fontes da vicepresidencia primeira cualificaron a reunión de "moi produtiva", na que "se produciron avances concretos", Martín detallou aos medios que o Ministerio lles presentou bastante documentación que trata todas as súas reivindicacións, pero teñen que recibir aínda máis e analizala, polo que de momento manteñen as mobilizacións.

O secretario xeral do sindicato recoñeceu que Cuerpo manifestou durante o encontro que está disposto a avanzar moito máis do que se viña avanzando e, de feito, deu prazos de semanas para publicar unha nova regulación.  Agora analizarán todo o que lle puxo enriba da mesa o ministerio e verá punto por punto se as reivindicacións se cumpren ou non, pero Martín ve difícil que isto se plasme nun papel en datas tan próximas coas mobilizacións.

Aínda que "o que vemos é intención de avanzar e compromiso de cumprir co pactado no mes de febreiro, queremos feitos, non vontades, que é o que viñamos recibindo ata este mesmo momento". "Textos publicados e regulación que afecte directamente á seguridade de todo o sistema ferroviario", subliñou.

A documentación refírese a todas as medidas propostas por Semaf e mesmo tratouse algunha que se orixinou despois da última traxedia en Urda que é sobre os sistemas de xestión de seguridade tanto das operadoras como do administrador para a forma de actuar ante unha caída do sistema de seguridade como o LZB ou o ERTMS".

É unha especie de guía que en teoría ten que publicar a axencia de seguridade para poder cambiar a forma de actuar de todos os profesionais ante calquera situación similar, explicou.

Aínda que "vemos un cambio de postura na negociación, posto que levabamos seis meses sen ningún tipo de noticias sobre moitas materias e agora mesmo en 24 horas déronnos información sobre varias e valoramos positivamente esa evolución, agora mesmo non é suficiente para poder desconvocar os paros", recalcou.

Aínda "non nos avanzaron todos os textos legais, chegarán nas próximas horas e veremos se cumpren as expectativas, pero, de momento, cremos que é imposible a súa publicación ou a súa regulación antes dos paros convocados", engadiu. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade