Centos de persoas protestan na Coruña contra un novo acto de Vox
A protesta, convocada pola Coordinadora da Mocidade Socialista, Erguer e o Sindicato de Inquilinas, transcorreu sen incidentes
Concentrárose contra a visita do xefe da delegación de Vox na unión Europea, Jorge Buxadé
A concentración comezou unha hora antes de que Jorge Buxadé visitase unha mesa informativa instalada na praza de Pontevedra. Centos de persoas participaron na protesta baixo o lema "Contra o facismo de Vox, nin un paso atrás". Os mozos, convocados pola Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS), Erguer e o Sindicato de Inquilinas, percorreron a rúa baixo un amplo cordón da Polícía, e aínda que os establecementos comerciais pecharon a porta ao seu paso, non se produciu ningún incidente.
Antes de empezar, unha das militantes da Coordinadora da Mocidade Socialista sinalou, en declaracións aos medios, que a mobilización tiña como fin expresar o "rexeitamento" ante os "discursos de odio que está tratando de espallar Vox" na cidade.
"Estamos aquí como antifascistas, non para que se espalle o pánico, senón porque non imos permitir que os discursos racistas, homófobos, misóxinos, que intentan traer ás nosas cidades, sigan pasando con impunidade sen que ninguén lles plante cara e amose o seu rexeitamento", subliñou.
Antes de comezar a protesta, os organizadores repartiron un folleto con "información de seguridade", coa que lles aconsellaban aos participantes que, ante a posibilidade de carga, "non botasen a correr e escoitasen as persoas identificadas encargadas do servizo de orde". Advertiron ademais de que, "se a policía provocaba que a situación se saíse do marco previsto", a protesta sería desconvocada e anunciaríase un novo punto de encontro.
Esta concentración segue os pasos da que tivo lugar a semana pasada durante a visita do líder de Vox, Santiago Abascal e na que si se produciron altercados e cargas policiais.
Pola mañá unhas duascentas persoas concentráronse tamén en Ferrol na visita que Buxadé fixo á cidade.