Os disturbios arredor do Tribunal Constitucional polaco levan o presidente a suspender unha viaxe en África
Os disturbios arredor do Tribunal Constitucional polaco levan o presidente a suspender unha viaxe en África
Imaxe de arquivo do presidente polaco nas Nacións Unidas. Marek Ladzinski / Zuma Press / Europa Press
A Policía polaca despregou este venres un amplo dispositivo arredor do edificio do Tribunal Constitucional de Varsovia, tras os incidentes rexistrados nunha concentración contra os conflitos de autoridade nese organismo, que levaron o presidente, Karol Nawrocki, a interromper a súa viaxe a África e regresar ao país.
Segundo informou a Policía de Varsovia, tres persoas foron detidas por saltar o valado e entrar no recinto, mentres os axentes conteñen os manifestantes.
A tensión prodúcese tras a suposta suspensión do presidente do tribunal, Bogdan Święczkowski, e do seu vicepresidente, aínda que o propio Constitucional sostén que continúan nos seus cargos.
A Comandancia da Policía da capital precisou que os seus axentes non entraron na sede do edificio nin actúan contra a garda interna. Así mesmo, aclarou que o dispositivo se puxo en marcha a petición do fiscal xeral e dunha xuíza do tribunal ante o risco inminente de agresións contra o persoal e de alteración da orde pública.
O presidente Nawrocki, que iniciara unha visita oficial a Senegal, anunciou o seu regreso inmediato ao país e escribiu nunha mensaxe na plataforma X que "nun momento así, o presidente debe estar en Polonia".
O detonante desta xornada produciuse cando a xuíza de maior antigüidade do Tribunal Constitucional, Anna Korwin-Piotrowska, nomeada durante a actual lexislatura baixo o mandato do primeiro ministro Donald Tusk, asumiu a dirección provisional da cúpula e apartou durante un mes a Święczkowski e o seu vicepresidente, que foran nomeados en 2024 e 2025, respectivamente, polo anterior Goberno.
As dúas faccións de maxistrados existentes no Tribunal Constitucional néganse mutuamente a lexitimidade.
Este enfrontamento ten a súa orixe na controvertida reforma xudicial impulsada polo PiS (Lei e Xustiza) entre 2015 e 2023, e na negativa do tribunal a admitir os novos maxistrados elixidos polo Parlamento en marzo de 2026.
Pola súa banda, o primeiro ministro, Donald Tusk, apoiou a intervención da xuíza e presentou a suspensión da cúpula xudicial como unha medida necesaria para restaurar o Estado de dereito no país.
Tusk asegurou este venres que "non hai outro camiño" tras "anos de ilegalidade" baixo o anterior Goberno de Lei e Xustiza (PiS), e advertiu de que, aínda que o proceso sexa doloroso, require unha "acción decidida".
Para o xefe do Executivo, a parálise provocada por Święczkowski ao bloquear a Asemblea Xeral e a incorporación de maxistrados é a verdadeira causa do colapso do órgano.