Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump dá marcha atrás e anuncia a despregadura de 5.000 soldados en Polonia

Trump dá marcha atrás e anuncia a despregadura de 5.000 soldados en Polonia

O presidente estadounidense explicou que tomou a decisión en honra ao presidente polaco, o conservador Karol Nawrocki, considerado próximo a Trump

Trump fixo este anuncio tras a decisión das últimas semanas de reducir os efectivos estadounidenses en bases europeas, en represalia pola negativa dos aliados da OTAN para involucrarse militarmente na guerra con Irán

Rutte celebra o anuncio de máis tropas dos EUA pero di que Europa debe reducir a súa dependencia

Rubio di que os movementos de tropas dos EUA non son unha medida punitiva para Europa

Soldados estadounidenses participan nun simulacro con drons en Polonia (Reuters/Kuba Stezycki) Soldados estadounidenses participan nun simulacro con drons en Polonia (Reuters/Kuba Stezycki)
G24.gal 22/05/2026 08:09 Última actualización 22/05/2026 11:38

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, recuou e anunciou este xoves o despregamento de 5.000 soldados en Polonia, unha semana despois de cancelar o envío de efectivos a ese país e no medio das súas críticas os aliados europeos pola súa postura na guerra contra Irán.

Trump explicou, na súa rede Truth Social, que tomou a decisión en honra ao presidente polaco, o conservador Karol Nawrocki, quen asumiu o cargo en agosto do ano pasado e é considerado próximo ao mandatario estadounidense.

"Baseándome na exitosa elección do actual presidente de Polonia, Karol Nawrocki, a quen tiven a honra de apoiar, e na nosa relación con el, compráceme anunciar que os Estados Unidos enviarán 5.000 soldados adicionais a Polonia", dixo o líder republicano.

Trump fixo este anuncio tras a decisión das últimas semanas de reducir os efectivos estadounidenses en bases europeas, en represalia pola negativa dos aliados da OTAN para involucrarse militarmente na guerra con Irán e no desbloqueo do estreito de Ormuz.

A semana pasada, o Pentágono confirmou que cancelara o despregamento dunha brigada blindada de máis de 4.000 efectivos que se dirixía a Polonia, como parte dunha reconfiguración da súa presenza militar en Europa.

A principios de maio, Trump asegurou que retiraba 5.000 soldados de Alemaña, o país que máis efectivos estadounidenses alberga, nun prazo de entre seis e doce meses, como resposta a unhas declaracións do chanceler alemán, Friedrich Merz, que cuestionaban a estratexia de Washington respecto a Irán.

O pasado martes, o vicepresidente dos Estados Unidos, JD Vance, negou que o seu país fose reducir as tropas en Polonia e afirmou que se trataba dun atraso, que xustificou pola necesidade de "redistribuír algúns recursos" para maximizar a seguridade.

O anuncio de Trump coincide coa reunión este xoves e venres dos ministros de Exteriores da OTAN en Suecia, marcada polo aumento do gasto militar europeo e pola redución de efectivos estadounidenses no vello continente.

Rubio di que os movementos de tropas dos EUA non son unha medida punitiva para Europa

O secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, afirmou este venres que os movementos das tropas estadounidenses baseadas en Europa non constitúen unha medida "punitiva", senón que responden os seus compromisos "globais".

"Os Estados Unidos seguen tendo compromisos globais que debe cumprir no que respecta ao despregamento das nosas forzas, o que nos obriga constantemente a reformularnos onde destinamos as tropas; non se trata dunha medida punitiva, senón simplemente dun proceso continuo que xa existía anteriormente", dixo á prensa á súa chegada a unha reunión de ministros de Exteriores da Alianza Atlántica en Suecia.

Ademais, Rubio referiuse a que a "decepción" de Trump con algúns membros da OTAN en canto á súa resposta ás operacións estadounidenses en Irán será tratada "a nivel de líderes".

"As opinións do presidente -francamente, a súa decepción con algúns dos nosos aliados da OTAN e a súa resposta ás nosas operacións en Oriente Medio- están ben documentadas. É algo que haberá que abordar, pero que non se resolverá nin se tratará hoxe. É algo que se debe discutir a nivel dos líderes", indicou.

Está previsto que os líderes da Alianza Atlántica se reúnan nun cume os días 7 e 8 de xullo en Ankara. 

Rutte celebra o anuncio de máis tropas dos EUA, pero di que Europa debe reducir a súa dependencia

O secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, celebrou este venres o anuncio dos Estados Unidos de que finalmente enviará 5.000 soldados a Polonia, pero deixou claro que Europa debe seguir na traxectoria de reforzarse para reducir as súas dependencias.

“Acollo con satisfacción o anuncio (…). Pero sexamos claros: a traxectoria que seguimos é unha Europa máis forte e unha OTAN máis forte, asegurándonos de que, co tempo, paso a paso, dependamos menos dun único aliado, como fixemos durante tanto tempo, que son os Estados Unidos”, indicou Rutte á prensa á súa chegada a unha reunión de ministros aliados de Exteriores. 

Nawrocki celebra a decisión de Trump de enviar 5.000 soldados adicionais a Polonia

O presidente de Polonia, Karol Nawrocki, celebrou este venres a decisión anunciada polo seu homólogo estadounidense, Donald Trump, de enviar 5.000 soldados dos Estados Unidos adicionais a chan polaco, algo que o inquilino da Casa Blanca xustificou pola súa relación co xefe de Estado do país do leste europeo.

"Dou as grazas ao presidente dos Estados Unidos, Donald J. Trump, pola súa amizade cara a Polonia e polas decisións cuxa importancia práctica vemos hoxe con toda claridade. A seguridade de Polonia e do pobo polaco é a miña máxima prioridade!", escribiu Nawrocki na súa conta de X.

"As boas alianzas son aquelas que se basean na cooperación, o respecto mutuo e o compromiso coa nosa seguridade común", abundou o xefe de Estado de Polonia, que cualificou de "piar fundamental da seguridade" do seu país e de Europa a alianza polaco-estadounidense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade