León XIV vota por correo nos comicios dos EUA e convértese no primeiro papa en exercer este dereito
A noticia está provocando debate nos Estados Unidos, entre os partidarios de que o pontífice vote e os que se manifestan en contra
O papa é crítico coas políticas de Donald Trump en materia de migración e conflitos armados
Europa Press (Arquivo)
O papa León XIV votou por correo para os comicios de metade de mandato nos Estados Unidos, un xesto inédito porque é a primeira vez que se coñece que un pontífice exerce ese dereito.
A noticia, adiantada no medio estadounidense Chicago Sun-Times, foi confirmada este venres pola oficina de prensa do Vaticano nunha nota que explica que Robert Prevost, nacido en Chicago, "exerceu o seu dereito ao voto como cidadán estadounidense sempre que tivo a oportunidade de facelo" e "en consonancia con esta práctica consolidada de participación cidadá, enviou o seu voto por correo a Chicago" para os comicios do 3 de novembro.
"O Santo Padre expresa a súa convicción respecto ao dereito e o deber dos cidadáns de participar nos procesos democráticos", engade o comunicado da oficina de prensa do Vaticano, onde se explica tamén que Robert Prevost tamén exerceu o seu dereito ao voto en eleccións no Perú, país onde tamén está nacionalizado ao vivir vinte anos como misioneiro e bispo de Chiclayo.
Feito inédito, que provoca debate nos EUA
O voto do León XIV nestas eleccións é algo inédito na historia do papado: nunca se soubo que o polaco Xoán Paulo II, o alemán Bieito XVI ou o arxentino Francisco participasen nos comicios dos seus respectivos países de orixe.
Chistopher Ale, autor do blog católico Cartas de Leo, candidato ao Congreso en 2020 pola zona rural de Tennessee e delegado do Comité Nacional Demócrata afirma en X que "León XIV actúa como un sacerdote e bispo que se toma en serio o ensino de la Iglesia sobre a cidadanía. A Igrexa ensínanos que estamos moralmente obrigados a votar".
"A Igrexa Católica ensina que os fieis teñen a obrigación moral de votar. Únete ao papa León XIV e comprométete a participar no acto máis sacro da democracia: votar nas eleccións de medio termo deste ano", escribía Ale, quen tamén foi membro da campaña Obama-Biden.
Massimo Faggioli, profesor italiano de historia do Cristianismo na Universidade norteamericana de Villanova, consideraba nas redes sociais que "non é algo bo" que o papa vote.
"Xa empezou o xogo de: 'Nas eleccións de metade de mandato, o papa votou polo meu partido', 'Non, o papa votou polo outro partido'. Un xogo previsible e evitable, na miña humilde opinión", afirmou.
Segundo o diario Chicago Sun-Times, o pontífice realizou a solicitude para poder votar desde o Vaticano o pasado 3 de outubro, xusto un mes antes das eleccións. Prevost está inscrito no censo electoral de Illinois, pois ten rexistrado o seu domicilio en New Lenox, en casa do seu irmán.
Nestes comicios decidirase quen ocupará o escano que deixa o saínte senador demócrata Dick Durbin, alén dos asentos da Cámara de Representantes e a gobernación e tamén pode participar nas eleccións xudiciais e para cargos do condado de Will.
Robert Prevost, votou noutras ocasións antes de ser papa
Segundo os rexistros revisados polo Chicago Sun-Times, Prevost votou nas primarias republicanas de 2012, 2014 e 2016, así como nas eleccións xerais de 2012, 2014, 2018 e 2024. Tamén participou nas primarias demócratas de 2008 e 2010. Non votou nas primarias de Illinois celebradas en marzo, de acordo co diario.
Nese estado do medio oeste estadounidense os votantes non están obrigados a rexistrarse baixo unha afiliación partidista específica e poden elixir o partido para o cal desexan recibir a súa papeleta nas primarias.
Críticas á ofensiva militar de Trump
O voto do papa prodúcese nun ano no que mantivo diferenzas co presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, respecto a temas como as políticas migratorias ou a guerra de Irán.
O papa criticou abertamente a ofensiva militar iniciada polos EUA e Israel contra a república islámica o pasado 28 de febreiro e asegurado que ninguén pode impedirlle seguir criticando a guerra, mentres que Trump chegou a dicir que León XIV pon "en perigo moitos católicos e moitas persoas" porque, se del dependese, "estaría ben que Irán teña unha arma nuclear".