Máis músculo é igual a máis cerebro? O adestramento de forza, clave no desenvolvemento cerebral
O adestramento de forza considérase unha actividade imprescindinle nos ximnasios por ter moitos beneficios para o corpo, pero tamén para a mente
Está comprobado que o coidado da saúde física mellora a memoria, reduce a inflamación e frea o envellecemento cerebral
Durante anos asociamos o exercicio físico principalmente co corazón e coa estética. Pero hoxe a ciencia apunta a un beneficio moito máis profundo: adestrar os músculos tamén adestra o cerebro.
Os clientes dun ximnasio en Vigo reafirman esta postura: "Quitas moito estrés de encima, ansiedades, saes moi relaxado","sempre saio de aquí con máis enerxía, fisica e mentalmente saes coma novo", declaraban. No adestramento de forza, os músculos liberan mioquinas, substancias que favorecen a creación de novas neuronas, melloran a memoria, a concentración e protexen o cerebro.
E o adestrador dese mesmo ximnasio Arenal, en Vigo, José Manuel Pereira, asegura que o incremento do traballo de pesas inflúe positivamente a nivel hormonal no corpo: "Unha vez que sobes o nivel hormonal no corpo, a rexeneración celular increméntase moitísimo, por iso os beneficios son moito maiores co traballo de carga".
Pero iso non é todo, o exercicio físico tamén axuda a previr enfermidades, porque mellórase moito a conectividade cerebral, "podemos atrasar 10 anos a aparición da demencia", asegura o xefe do servizo de neuroloxía do Hospital Ribera Povisa, Xosé Ramón Lorenzo.
O adestramento require de esforzo ata conseguir eses beneficios. Segundo o adestrador do ximnasio vigués, o ideal son tres veces á semana, se xa se realiza a actividade física.
Pero o que está claro é que o cerebro, que está exposto á acticidade de forza, en maior ou menor medida será mais resistente á deterioración cognitiva, máis plástico e máis capacitado para manexar o estrés.