Publicador de contidos

Publicador de contidos

As aeroliñas aumentan as prazas en Santiago, pero A Coruña e Vigo perderán actividade

As aeroliñas aumentan as prazas en Santiago, pero A Coruña e Vigo perderán actividade

Wizz Air ocupa na Lavacolla parte do baleiro que deixou o ano pasado Ryanair

Alvedro e Peinador esperan que as subvencións dos concellos sumen viaxeiros

G24.gal 27/10/2026 14:59

O tráfico aéreo gañará altura en Galicia na tempada de outono-inverno, pero só pola suba de actividade na Lavacolla, porque en Alvedro e Peinador, de momento, espéranse pequenas caídas.

A Asociación de Liñas Aéreas (ALA) anuncia as súas previsións para o período que comezou o luns 26 de outubro e que se prolongará cinco meses. En conxunto, en Galicia aumentará a oferta, un vinte por cento máis ca na mesma etapa do último ano pero en realidade só un dos tres aeroportos levantará o voo.

É o de Santiago, onde Wizz Air, con dez novas rutas, ocupará parte do baleiro que deixou Ryanair o ano pasado.

Na Lavacolla haberá catrocentas mil prazas máis dispoñibles. Pola contra, as empresas esperan pequenas baixadas na Coruña (do 1 %) e en Vigo (4 % menos).

"A nivel empresas sobre todo o que se pide son conexións directas con cidades importantes como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla... con máis frecuencias das que hai", reclama Marta Galindo, vogal da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Agavi.

Incerteza internacional

Pero as cifras son previsións. As aeroliñas falan da capacidade que se vai ofrecer nos aeroportos, isto é, os asentos que se porán á venda. Outra cousa é cantos viaxeiros os ocupen finalmente. A patronal cre que a situación internacional, polas guerras e a suba dos prezos dos combustibles, pode supoñer menos pasaxeiros.

"Estes datos hai que collelos con moita cautela porque a incerteza é máxima", apunta Javier Gándara, o presidente de ALA.

Mentres, as administracións buscan actividade. Na Coruña o Concello asegura que o contrato con Volotea, para establecer cinco novas rutas, está garantido malia que a compañía entrase en concurso de acredores. En Vigo, o Goberno local licitou un novo concurso público para subvencionar catro destinos. Pero, ao tempo, segue a fuga de viaxeiros polo aeroporto do Porto, que segue superando as súas marcas.

"Eu creo que é un exemplo a seguir. Temos que ver o que se está facendo ben e Porto fíxoo ben. Fixo grandes apostas e tivo grandes resultados e creo que aquí é o que hai que facer", pensa Marta Galindo, de Agavi.

A día de hoxe os tres aeroportos galegos ofrecen 27 destinos directos (17 dende Santiago, 6 dende A Coruña e 4 dende Vigo) pero algúns dos novos empezarán a operar, precisamente, durante a tempada de inverno que acaba de comezar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade