Obras na autovía do Morrazo obrigan a circular por un só carril en Domaio
Os traballos de mantemento chegan ao viaduto da Moura despois de concluír os da Mó e A Fraga
A circulación na autovía do Morrazo ten que facerse por un só carril no treito de Domaio, en Moaña. Os desvíos son necesarios para levar a cabo as obras de mantemento do viaduto da Moura, o que inclúe cambiar neoprenos, as gomas que axustan os movementos entre as vigas e os piares.
Cada día circulan por esa vía preto de 20.000 vehículos. Os traballos de mantemento dos tres viadutos de Moaña comezaron xa no mes de setembro, despois dunha inspección previa dende a propia estrada con guindastres e dende o aire con drons. Xa se fixeron as obras nas infraestruturas da Mó e da Fraga antes de chegar ao viaduto da Moura.
Nas zonas onde hai un só carril en cada sentido de circulación, tamén se reduce a velocidade máxima permitida. Os traballos forman parte dun plan específico da Xunta para a conservación de pontes e viadutos con 17 intervencións planificadas.