Avanza a transformación histórica do barrio pontevedrés de Monte Porreiro
Os veciños despídense do seu antigo pavillón para recibir un novo complexo deportivo que xa cambiou por completo a contorna e que estará rematado no 2028
Alfonso Rueda visitou as obras e destacou a importancia desta infraestrutura para o barrio
As obras do futuro pavillón deportivo marcan o inicio da nova faciana de Monte Porreiro. O soar albergará un pavillón semisoterrado, con pistas e unha gran praza de 5 mil metros cadrados.
María Gracia Amandi, arquitecta da obra destaca que é "un espazo público e unha conexión peonil que lle vai moi ben a esta zona".
O investimento para as futuras instalacións deportivas supera os 6 millóns de euros e é froito da colaboración entre o Goberno, a Xunta e o Concello.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, agradeceu a colaboración "nesta actuación que marca un antes e un despois". O delegado do goberno, Pedro Blanco, dixo que é "un exemplo de que cando todos traballamos xuntos somos capaces de dar resposta ás necesidades dos veciños".
Alfonso Rueda tamén enxalzou esta colaboración entre adminstracións que dixo se dá "cando varias administracións traballamos conxuntamente para facer investimentos coma este que teñen unha cuantía importante. Vai ser unha obra que vai quedar moi ben e neste barrio é moi necesaria", matizou Rueda.
O pavillón estará rematado no 2028.