A DXT inicia unha campaña para revisar rodas e luces dos coches cara ao inverno
O mal estado de rodas e luces pode carrexar sancións de máis de 200 euros
Esta semana, a Garda Civil e a DXT manteñen un plan de vixilancia só en Galicia dos pneumáticos e luces dos vehículos. Todo, para garantir a seguridade nas estradas de cara ao inverno. O dispositivo especial estará operativo ata este xoves.
O estado das rodas e das luces é fundamental para evitar accidentes cando a condución se complica nas estradas coa chegada da chuvia, da néboa, e agora que anoitece antes. Por iso o plan de vixilancia nas estradas que levan estes días a Garda Civil e a DXT en Galicia.
Carlos Raúl Sánchez, Sarxento do subsector de Tráfico de Pontevedra incide na necesidade de revisar os coches, xa non só pola sanción, senón pola seguridade nas estradas.
O estado dos pneumáticos é básico. A profundidade das rañuras ten que ser de máis de 3 milímetros, e o mínimo legal é de 1,6, que supón unha multa de 200 euros por cada unha das rodas en mal estado. Cóntao Veni Corriente, do Taller Huracán do Porriño, que subliña a importancia de levar os pneumáticos sen gastar e cunha boa aliñación.
Canda as rodas, hai que revisar o mantemento e regulación dos faros para ter luz de abondo, pero tamén para non cegar os demais condutores. A finalidade non é recadatoria, senón de seguridade.
Ambos coinciden en que, malia a crise e os prezos do combustible, hai cousas que hai que coidar para garantir a seguridade ao volante. O afán da Garda Civil non é recadatorio, pero lembran que cada roda en mal estado pode implicar unha multa de 200 euros, igual que non ter luces ou telas mal reguladas.
Os talleres están a pleno rendemento estes días grazas a que moitos condutores son conscientes de que a seguridade é a prioritaria.