Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Consello da UE logra un acordo parcial sobre a estrutura da futura PAC

O Consello da UE logra un acordo parcial sobre a estrutura da futura PAC

O acordo inclúe cambios no sistema de axudas para reforzar o apoio aos agricultores en activo e facilitar a remuda xeracional, aínda que quedan pendentes as cuestións financeiras e os límites ás subvencións que poderán recibir as explotacións

Segundo o Consello, os países membros terán maior flexibilidade para adaptar as medidas ás súas realidades nacionais e rexionais

Arquivo TVG Arquivo TVG
G24.gal 27/10/2026 09:47 Última actualización 27/10/2026 11:27

Os ministros de Agricultura da Unión Europea acordaron a súa posición negociadora sobre a futura Política Agrícola Común (PAC) para o período 2028-2034, con cambios no sistema de axudas para reforzar o apoio aos agricultores en activo e facilitar a remuda xeracional, aínda que quedan pendentes as cuestións financeiras e os límites ás subvencións que poderán recibir as explotacións.

O acordo, que permitirá ao Consello iniciar as conversacións co Parlamento Europeo, ten carácter parcial porque exclúe os aspectos orzamentarios, que deberán resolverse no marco das negociacións das próximas contas comunitarias, e establece as bases dunha reforma que se abre a unha maior flexibilidade para que os Estados membros adapten as medidas de apoio ás necesidades dos seus respectivos sectores agrícolas.

A nova PAC enmárcase na proposta da Comisión Europea para reorganizar os fondos comunitarios a partir de 2028, que prevé integrar os recursos destinados a agricultura, cohesión, pesca, migración e seguridade, entre outras políticas, nuns plans nacionais e rexionais que substituirían aos actuais programas independentes.

Esta reorganización supoñería abandonar a estrutura de dous piares que mantén actualmente a política agraria, baseada nun fondo para as axudas directas e outro para o desenvolvemento rural, e reunir ambos os dous instrumentos nun único marco de financiamento.

Mozos e pequenas explotacións  

Entre as principais modificacións figura a revisión dos pagos vinculados á superficie agrícola, cos que se pretende distribuír as subvencións de xeito "máis xusto e eficaz", segundo o Consello, e dirixilas especialmente ás pequenas explotacións e aos mozos que se incorporan ao sector.

Para iso, os Vinte e sete expoñen que todos os países estean obrigados a establecer unha definición de agricultor en activo, aínda que poderán adaptala ás súas circunstancias nacionais, e establecen a posibilidade de introducir mecanismos redistributivos para modificar a repartición dos fondos entre os beneficiarios.

En cambio, as regras para reducir progresivamente as subvencións de maior contía e fixar un importe máximo por explotación negociaranse máis adiante, xunto co resto de disposicións vinculadas ao orzamento europeo.

En materia de remuda xeracional, a posición do Consello establece que os Estados membros deberán elaborar estratexias específicas para facilitar a incorporación de mozas á actividade agraria, que inclúan maiores axudas básicas, apoio para poñer en marcha as súas explotacións e acceso a formación e asesoramento.

Biodiversidade e protección dos recursos naturais

A reforma tamén mantén requisitos medioambientais comúns para acceder ao financiamento europeo e incentivos para adoptar prácticas que favorezan a biodiversidade e a protección dos recursos naturais, aínda que deixa marxe ás autoridades nacionais para adaptar a súa aplicación ás condicións locais.

Outro dos aspectos recollidos no texto é o reforzo dos instrumentos de xestión de riscos ante fenómenos meteorolóxicos extremos, enfermidades animais e vexetais ou alteracións dos mercados, que poden afectar os ingresos das explotacións.

En concreto, determina financiar seguros agrarios e investimentos destinados a mitigar os efectos do cambio climático e facilitar a adaptación do sector, alén de permitir aos gobernos conceder pagos de emerxencia aos produtores afectados por desastres naturais e outras situacións excepcionais.

Os países tamén terán a posibilidade de establecer servizos de substitución temporal para que os traballadores agrícolas poidan dispoñer de persoal de substitución durante baixas por enfermidade ou permisos de maternidade e coidado dos fillos, unha medida coa que o Consello busca mellorar a conciliación da vida laboral e familiar.

Así mesmo, os ministros apoiaron manter o financiamento de proxectos destinados a diversificar a actividade económica das zonas rurais, especialmente aquelas con maiores dificultades, mediante iniciativas vinculadas ao agroturismo, a innovación e a dixitalización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade