A restauración do retablo maior da igrexa de Padrón marabilla os peregrinos
Tras os traballos de rehabilitación quedou prohibido lanzarlles moedas aos santos, unha práctica habitual entre os camiñantes que danaba a madeira
"É un retablo construído en madeira de castiñeiro que está construído dunha forma moi peculiar. As propias táboas que vedes desde diante son a estrutura da obra. Tiña un ataque de couza na parte de abaixo que a madeira toca co chan e a humidade é un pouco máis alta", di a restauradora Yolanda Gómez.
Localizar as zonas afectadas pola couza e protexer a madeira foi o primeiro paso da intervención neste retablo maior da igrexa de Santiago Apóstolo. Despois houbo que retirar o verniz e limpar con moita cautela.
"Imaxinade que estaba afumado, case como por fume de candeas, cunha capa case negra por diante, que se levantou case de todo, cun verniz moi amarelo".
"Os restauradores nunca, nunca repintamos nada, só limpamos. Este retablo que parece novo é o resultado da intervención, de limpeza e reintegración cromática. Non se amañou nada por riba do orixinal", explica Yolanda.
Poucos peregrinos completan a etapa do Camiño sen entrar no templo e observar. Retablo, que protexe o Pedrón, un dos elementos máis simbólicos da igrexa.
"Demasiado bonito". "Nótase a restauración, ten moita cor", din dous peregrinos.
Rosa leva de sancristá no templo máis dun lustro e seguiu día a día o avance da obra realizada por catro profesionais da empresa Crea Restauración.
"Tiña moita falta. Quedou ben, si, gústame", comenta Rosa.
Para manter a conservación da peza, decidiuse pór fin a un costume arraigado entre os peregrinos de lanzar moedas ao altar que deixa marcas visibles na madeira.
"Recomendamos que deixen de lanzarse esas moedas, en base á conservación do retablo. A calquera persoa que llo dis enténdeo á primeira. Somos moi comprensivos con estas cousas, cando nos damos conta do dano que facemos", comenta a restauradora.