Póñense de moda os adhesivos de uñas que detectan drogas
A ciencia cuestiona a súa efectividade, sen estudos fiables que a demostren
Pégase un adhesivo directamente sobre a uña. Introdúcese discretamente na bebida ou bótase unha gota sobre o dedo e tras agardar uns segundos o sticker cambia de cor se detecta a presenza de drogas. Así se publicitan nas redes sociais estes adhesivos que axudan a evitar o contacto con drogas de submisión, e a idea a priori gusta.
"É outra medida máis para previr algo que non queres que pase, entón eu creo que está bastante ben". "Son estas que se removes o cubata dinche se hai droga ou non, si o vin". "É unha boa idea, pero non creo que na práctica se use moito". "Creo que é un avance, o que pasa é que me parece unha mágoa que teñamos que andar con esas cousas", comentan varias rapazas.
A falta de estudos fiables que corroboren a súa eficacia e o feito que só se vendan a través de Internet provoca receos entre moitas posibles usuarias e tamén nos expertos.
"Ata o de agora eu non atopei información doutros estudos independentes que contrasten esa información, e nós dende logo non os fixemos aínda, entón a miña opinión eu parto da base que se os van comercializar son útiles para detectar substancias que se supón que ten que detectar", explica Angelines Cruz, catedrática de Toxicoloxía na USC.
A maioría están formuladas para localizar GHB coñecido como éxtase líquido de uso minoritario e pasan por alto outras substancias de uso máis común como as benzodiacepinas, cánnabis, anfetaminas ou cocaína.
"Co cal evidentemente non van protexer a vítima dun posible caso de submisión e, ao contrario, poden dar unha sensación de falsa seguridade", opina a catedrática.