En liberdade o camelo que secuestrou e torturou un cliente en Santiago por 20 euros
Golpeouno e meteuno nun saco con cremalleira, ao tempo que o ameazaba de morte: "Vou cavar un buraco e enterrarte"
A policía liberou a vítima unha semana despois nun piso en que a veciñanza levaba tempo denunciando venda de droga
Entrou na casa como cliente, para consumir cocaína fumada. Agresor e vítima, que eran vendedor e comprador, compartiron ese momento ata que o home quixo marchar. O camelo esixiulle 20 euros que non tiña e esa débeda púidolle custar a vida.
Primeiro ameazouno: "Págame ou quedas secuestrado" ou "Vou facer un buraco e voute enterrar".
Despois empezou o horror. Atouno con cinta adhesiva de pés e mans, cubriulle a cara, nariz e boca incluídas, e, xa indefenso, humillouno con todo o que tiña á man, mentres seguían as mofas e os insultos.
Aínda quedaba o peor. Meteuno nun saco, pechou a cremalleira, e pateouno por todo o corpo ata deixalo inconsciente.
Espertou ao día seguinte xa fóra do saco, pero o maltrato seguiu, vixiado as 24 horas, con comida mínima, e temendo polo seguinte ataque. A policía liberouno unha semana despois.
Non era a primeira vez que facía algo así. Uns meses antes, outro toxicómano conseguiu fuxir polos tellados e pedir axuda na casa dunha veciña. Díxolle que o querían secuestrar, pero el escapou.
O acusado enfrontábase a doce anos de prisión pero hoxe chegaron a acordo para non ir a xuízo. Sae do cárcere co compromiso de seguir o tratamento de rehabilitación que xa empezou en prisión. Loce mellor aspecto que hai ano e medio. Tamén a moza acusada de cómplice queda en liberdade.
Da terceira persoa, cooperante necesaria, ninguén sabe. Exponse á expulsión o país.