Un accidente con catro feridos e un incendio: simulacro de seguridade no túnel do Hórreo, en Santiago
Un accidente con catro feridos e un incendio: simulacro de seguridade no túnel do Hórreo, en Santiago
A lei obriga a facer cada catro anos un destes recoñecementos, que ten que ser un simulacro real
Un accidente, incendio e feridos nun túnel. Os condutores que circulaban esta mañá polo centro de Santiago atoparon pechada unha infraestrutura chave, o túnel do Hórreo. O que non imaxinaban era o que estaba ocorrendo no seu interior: un simulacro que obrigou a cortalo durante varias horas para facer esa proba de seguridade.
"Evidentemente hai problemas porque perdemos catro carrís de tráfico para pasar por esta zona", explica Xan Duro, concelleiro de Mobilidade de Santiago.
A lei obriga a facer cada catro anos un destes recoñecementos, que ten que ser un simulacro real coma este, dos que implican o corte do tráfico.
"É importante facelos, porque a nós permítenos coñecer a infraestrutura, porque normalmente está aberto ao tráfico e non a podemos visitar", asegura Manuel Sanmartín, xefe do Parque de Bombeiros de Santiago.
"Vaise acumulando fume, hai un momento en que se perde totalmente a visibilidade, e os compañeiros van con cámara térmica para localizar as vítimas", engade.
O fundamental é poñer a proba a coordinación entre todos os equipos implicados na intervención e tamén coñecer as posibles novidades, coma neste caso, o novo equipo de ventilación do túnel.
Amais destes recoñecementos que transcenden pola repercusión no tráfico, nestes pasos subterráneos hai que facer regularmente outras probas de seguridade ao tratarse de infraestruturas críticas por ser espazos pechados.
E nun momento como este...
"...pedirlle á xente paciencia, porque este tipo de simulacros é polo ben de todos", afirma Duro.