Publicador de contidos

Publicador de contidos

Evacuados 90 viaxeiros nun simulacro de emerxencia de Renfe e Adif no túnel das Maceiras, en Redondela

Evacuados 90 viaxeiros nun simulacro de emerxencia de Renfe e Adif no túnel das Maceiras, en Redondela

Simulouse unha avaría técnica, cun conato de incendio, nun convoi que quedou detido a 400 metros da boca norte do túnel 

Participaron Bombeiros de Vigo, a Axencia Galega de Emerxencias 112, Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Protección Civil, Policía Nacional, Local e Garda Civil

Bombeiros de Vigo no simulacro do túnel das Maceiras. TVG.
G24.gal 09/10/2026 15:17

Adif e Renfe realizaron esta madrugada un simulacro de emerxencia no túnel das Maceiras, situado no Eixo Atlántico A Coruña-Vigo, no seu treito final entre Redondela e Vigo para verificar o Plan de Autoprotección, probar os protocolos de coordinación e comprobar a viabilidade e tempos de evacuación do tren.

No simulacro participaron servizos externos de emerxencia e seguridade como Bombeiros de Vigo, a Axencia Galega de Emerxencias 112, Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Protección Civil, Policía Nacional, Policía Local e Guardia Civil.

No exercicio simulouse unha avaría técnica, con conato de incendio, nun tren de viaxeiros que circulaba polo interior do túnel das Maceiras, procedente de Vigo, cuns 90 viaxantes a bordo, e o tren quedou detido a uns 400 metros da boca norte (lado Redondela).

Dado que o equipo de a bordo do tren non puido extinguir o incendio simulado, solicitouse axuda externa por parte do Centro de Protección e Seguridade de Adif, seguindo os protocolos de actuación establecidos.

Evacuación de 10 feridos en padiola 

Os bombeiros acudiron para sufocar o incendio e evacuar a 10 feridos de diversa consideración, que foron trasladados en padiola cara ao exterior para ser tratados polos servizos sanitarios.

O resto de viaxeiros, entre os que se atopaba un invidente, foron evacuados polo equipo de a bordo do tren a través dunha galería de evacuación cara ao outro tubo e, desde aí, encamiñados cara ao punto de evacuación e rescate exterior pola boca do túnel máis próxima.

A última fase do simulacro consistiu na avaliación posterior do exercicio, co obxectivo de extraer conclusións que melloren a coordinación, en caso de emerxencia, cos servizos de intervención das distintas Administracións Públicas e as Forzas e Corpos de Seguridade.

O das Maceiras é o túnel máis longo de todo o Eixo Atlántico

O túnel das Maceiras, cos seus 8.279 metros de lonxitude, é o máis longo de todo o Eixo Atlántico A Coruña-Vigo.

Trátase dun túnel bitubo (un túnel ou tubo para cada unha das dúas vías), cos seus tubos conectados entre si mediante galerías de 21 metros de lonxitude a intervalos máximos de 500 metros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade