Investigan se os 64 bidóns achados en Carnota e Cangas están relacionados cunha narcolancha de Portugal
Investigan se os 64 bidóns achados en Carnota e Cangas están relacionados cunha narcolancha de Portugal
As garrafas son iguais a unhas que requisou a Policía Portuguesa en Esposende hai menos dunha semana
A Garda Civil investiga a orixe das garrafas de gasoil e gasolina atopadas nunha praia de Carnota e preto do areal de Rodeira, no Morrazo, ante a súa posible vinculación co narcotráfico e tras a incautación dunha narcolancha en Esposende, no norte de Portugal.
Este luns foron localizados ao redor de 15 bidóns de 25 litros cheos de combustible na praia de Lariño, no municipio coruñés de Carnota.
Na mesma xornada, un pesqueiro avistou na ría de Vigo un total de 49 garrafas de gasóleo e gasolina aboiando preto da praia de Rodeira. Unha lancha de Salvamento Marítimo recuperounos e pasóullelos á Garda Civil para a súa identificación.
Os bidóns localizados en ambos os casos son iguais -de 25 litros e con tapas negras, vermellas e azuis- aos 60 intervidos a pasada semana pola Garda Nacional Republicana (GNR) en Esposende, onde se incautaron 1.500 litros de combustible.
Investígase se as garrafas foron botadas ao mar desde unha narcolancha
Unha das hipóteses que investiga a Garda Civil é que os bidóns foron botados ao mar dende esa narcolancha, xa que moitos dos obxectos que quedan á deriva na costa lusa aparecen na contorna da ponte de Rande.
A investigación está aberta na procura de pistas que relacionen os bidóns coa operación antidroga na desembocadura do río Cávado.
Un home foi detido e outros tres fuxiron da Garda Republicana. Cren que estaban fretando unha lancha para recoller droga nalgún punto do Atlántico.