31 detidos e sete feridos tras os choques no desaloxo das acampadas en Portugal
Os incidentes rexistráronse de madrugada en Lisboa e Porto
O uso do espazo público para instalar acampadas abriu no país un debate sobre os límites legais destas formas de protesta
A Policía portuguesa interveu na madrugada deste domingo para desaloxar as acampadas que se volveran instalar en Lisboa e Porto, unha operación que terminou con 31 detidos e sete feridos tras choques cos manifestantes, que denuncian que son máis de 30 os feridos.
A Policía de Seguridade Pública (PSP) iniciou a operación á 02.00 hora local na praza D. Pedro IV, en Lisboa, e na praza D. João I, no Porto.
"Esta actuación policial produciuse por mor da persistencia de manifestacións ao longo do tempo, dos danos causados ao patrimonio público e da necesidade de retirar as estruturas de acampada instaladas sen a autorización legal necesaria e en condicións contrarias á lexislación aplicable", explicou a PSP nun comunicado.
En Lisboa houbo 25 detencións e no Porto 6, mentres que a PSP asegurou ter constancia, ata o momento, de 7 feridos (5 en Lisboa e 2 no Porto: 3 axentes de policía e 4 cidadáns).
Esta cifra difire da reportada polos organizadores, que aseguran que son 37 as persoas que resultaron feridas durante a carga policial.
En total, a policía municipal retirou e confiscou 171 estruturas de acampada (117 en Lisboa e 54 no Porto).
A decisión de volver montar as tendas tomouse en ambos os casos nunha asemblea popular celebrada tras as manifestacións multitudinarias en ambas as cidades o sábado, conscientes do risco de ser desaloxados polas autoridades, que xa alertaran de que non permitirían a acampada.
O uso do espazo público para instalar acampadas contra a crise da vivenda abriu en Portugal un debate entre as autoridades, os movementos cidadáns e a opinión pública sobre os límites legais destas formas de protesta.
De feito, en varias ocasións durante a última semana os manifestantes instalaron as tendas, que acabaron sendo retiradas ben por eles mesmos ou en operacións policiais.
Neste sentido, as respostas variaron: desde a intervención policial con incidentes no Porto, na madrugada do pasado día 15, que está a ser investigada pola Fiscalía, ata a relativa permisividade mantida durante varios días coa acampada en Lisboa, onde o pasado martes a policía detivo a 55 persoas e retirou 228 carpas.
As mobilizacións portuguesas miran como referencia á acampada iniciada o 26 de setembro na Porta do Sol de Madrid tras o desafiuzamento de Maricarmen Abascal.