Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade fará un cribado universal da diabetes tipo 1 na poboación infantil en 2027

Sanidade fará un cribado universal da diabetes tipo 1 na poboación infantil en 2027

O conselleiro presenta as contas de Sanidade para 2027 situando a Atención Primaria e a rebaixa das listas de agarda como prioridades

 O departamento que dirixe Caamaño prevé crear 483 prazas en 2027 cun orzamento de persoal de máis de 2.500 millóns

G24.gal 27/10/2026 15:01 Última actualización 27/10/2026 15:46

O titular de Sanidade presentou este martes na Comisión 3ª do Parlamento os orzamentos do seu departamento para o próximo exercicio, que ascenden a 6.032 millóns de euros, un 6,35 % máis que en 2026.

A Dirección Xeral de Saúde Pública contará en 2027 con 74,4 millóns de euros, 13,5 millóns máis que o ano anterior e entre as principais novidades figurará a posta en marcha dun programa de cribado universal da diabetes tipo 1 dirixido á poboación infantil, para o que a Xunta destinará máis dun millón de euros.

Pola súa banda, a vacinación dispoñerá de case 60 millóns de euros, un 24 % máis, para consolidar o calendario de inmunización "máis completo de España".

 A Xunta prevé crear 483 prazas na sanidade pública galega en 2027, cun orzamento de persoal de 2.562 millóns de euros, un 7,5 % máis ca este ano, nunhas contas que reforzan "a atención primaria e a saúde mental", segundo declarou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Das 483 novas prazas anunciadas, 136 corresponden ao plan de reforma de atención primaria e comunitaria. A Xunta contempla tamén 101 prazas vinculadas ao Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030. O orzamento de atención primaria chegará a 1.854 millóns de euros, un 6,1 % máis, mentres que a atención hospitalaria dispoñerá de 3.814 millóns, cun incremento do 6 %.

A Xunta sitúa entre as súas prioridades reducir as listas de espera, tras o aumento dos tempos que o conselleiro atribuíu "aos paros médicos contra o Estatuto Marco estatal".

Os investimentos reais de Sanidade alcanzarán os 465,7 millóns de euros. Entre as principais actuacións figuran 54,1 millóns para o novo Hospital Universitario da Coruña, 24,3 millóns para o complexo hospitalario de Ourense e once millóns para o novo hospital de Montecelo, en Pontevedra.

"As contas que elaboramos permitirannos cumprir os nosos obxectivos, mellorar a atención aos pacientes, reducir os tempos de espera, coidar aos profesionais, afrontar o déficit estrutural de persoal e dar resposta ao reto demográfico, aproveitando as potencialidades da tecnoloxía e da intelixencia artificial", resumiu Gómez Caamaño.

Tras a presentación dos orzamentos, os grupos da oposición puxeron en dúbida que as contas vaian resolver as principais deficiencias do sistema sanitario.

O socialista Julio Torrado sinalou que "máis de 465.000 persoas" esperan por unha cita hospitalaria e que "a demora media para acceder a atención primaria alcanza os seis días", mentres que a primeira consulta de saúde mental "tarda seis meses".

Ademais criticou que o plan de atención primaria calcule 644 incorporacións en catro anos cando, segundo os seus cálculos, poderían formarse máis de 1.200 profesionais para esas categorías.

Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Prado tamén considerou "insuficiente" o reforzo da Atención Primaria e cuestionou a transparencia das partidas destinadas a algunhas estratexias, entre elas a de saúde mental.

Tamén denunciou o aumento dos fondos destinados a concertos sanitarios e acusou á Xunta de "avanzar na privatización de servizos".

Para rematar, desde Democracia Ourensana, Armando Ojea reclamou un hospital novo para Ourense e cuestionou a distribución territorial dos investimentos. Así mesmo, pediu recuperar especialidades en Valdeorras, especialmente pediatría e pneumoloxía, e reforzar os recursos de atención urxente. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos