Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro feridos nun incendio que calcinou unha nave de maquinaria agrícola en Ponteareas

Catro feridos nun incendio que calcinou unha nave de maquinaria agrícola en Ponteareas

Os operarios resultaron intoxicados por inhalación de fume 

O Concello pide á cidadanía que non se achegue á zona afectada debido aos gases derivados da combustión

As lapas queimaron vehículos e motoserras, tamén arderon bidóns de aceite e gasolina que intensificaron o lume

TVG TVG
G24.gal 27/10/2026 17:27

Catro persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras un incendio na nave da empresa Alper, situada no quilómetro 643 da N-120 e dedicada á venda de material agrícola no municipio pontevedrés de Ponteareas.

Os operarios resultaron intoxicados por inhalación de fume, segundo responsables da empresa.

As lapas queimaron vehículos e motoserras e tamén arderon bidóns de aceite e gasolina que intensificaron o lume, segundo informaron os Bombeiros de Ponteareas.

Malia que o incendio está controlado, os bombeiros continúan realizando tarefas de arrefriamento da instalación, segundo informou o Concello de Pontareas.

O lume orixinouse nun almacén

Foi no almacén onde se orixinou o lume por causas que de momento se descoñecen.

Por motivos de seguridade, o Concello pide á cidadanía que non se achegue á zona afectada debido aos gases derivados da combustión.

Así mesmo, solicita manter libres os accesos para facilitar a chegada e a intervención dos servizos de emerxencias que se están desprazando ao municipio para colaborar nos labores de extinción. 

O 112 Galicia informou que o incendio comezou contra as 14:50 horas deste martes e foi un particular o que alertou da presenza de fume. Así mesmo, os Bombeiros de Ponteareas tamén indicaron que se desprazaban ao lugar despois de recibir o aviso dun particular.

A central de emerxencias informou os Bombeiros do Baixo Miño, á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención solicitaron asistencia sanitaria para varios traballadores, polo que avisaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade