Os incendios en vivendas aumentan e os bombeiros piden detectores de fume obrigatorios
O Goberno asegura que xa ten lista unha norma para que sexa preceptivo instalalos nas vivendas novas
Segundo a Fundación Mapfre, os lumes en fogares medraron un 3 % en 2025, con 14 vítimas en Galicia
Son noticias que contamos todas as semanas. Os incendios en vivendas seguen sendo frecuentes en España. Segundo a Fundación Mapfre, o ano pasado as intervencións aumentaron un 2,9 por cento.
As cifras de vítimas tamén se manteñen, en Galicia perderon a vida así catorce persoas en 2025. E hai un dato que tamén se repite: a causa da maioría das mortes, sete de cada dez, non é o lume, senón o fume.
Por iso, os colectivos de profesionais levan anos pedindo que sexa obrigatorio instalar detectores, cando menos, nas vivendas novas. Agora aseguran que o Goberno central lles acaba de confirmar, por fin, que xa ten lista unha lei e que só está pendente de publicarse.
"Noutros países xa é obrigatorio porque esta detección temperá evita mortes. Se existe unha alarma permíteche unha evacuación rápida e segura da vivenda", asegura Juan Jesús Mariño, xefe do parque dos bombeiros do Morrazo e presidente en Galicia da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros.
Os detectores de fume poden mercarse en diferentes establecementos. Hainos por menos de vinte euros. A maioría levan unha batería e emiten unha alarma sonora. Hainos que mandan avisos ao teléfono móbil ou incluso que poden estar conectados cunha central de emerxencias.
Mal uso das portas de seguridade
Cando xa hai o fume, o crucial é pecharlle portas. Pero os bombeiros atopan con frecuencia situacións que van en contra da normativa: portas de seguridade que a xente deixa abertas, xeralmente por comodidade, ou que están pechadas, pero con chave, e que por tanto non se poden utilizar nin para chegar ao lume nin para escapar.
"Pechadas incluso con verxas, instaladas diante das portas. Iso dificulta moito o noso traballo, sobre todo a evacuación", explica Gerardo Fernández, sarxento de bombeiros e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais.
Outro dato do estudo da Fundación Mapfre revela outro factor moi relevante nos incendios. A soidade é un factor de risco. Segundo as estatísticas, as persoas que viven soas teñen cinco veces máis posibilidades de falecer nun lume, máis se son maiores de 64 anos.