Publicador de contidos

Publicador de contidos

Seis anos de cadea para o líder dunha rede de tráfico de cocaína que operaba en Santiago

Seis anos de cadea para o líder dunha rede de tráfico de cocaína que operaba en Santiago

A operación antidroga completouse en 2025, con catro persoas detidas e máis de dous quilos de cocaína intervidos

Os acusados recoñeceron os feitos e chegaron a acordo coa Fiscalía para obter unha rebaixa nas penas

Os catro acusados, na sala da Audiencia Provincial en Santiago
G24.gal 14/10/2026 14:11

Detivéronos despois de vixialos e seguilos durante meses, no marco dunha operación que chamaron Pantera rosa magnum. Primeiro caeu un: collérono nunha rúa do centro de Santiago con case 150 gramos de cocaína e tres billetes falsos. Era parte, segundo o escrito da acusación, dunha rede de tráfico de drogas liderada por outro dos acusados.

A outro detivérono na AP-9 en xaneiro de 2025, xunto á única muller imputada. No coche levaban máis de 300 gramos de cocaína. Logo rexistraron vivendas, rochos e un locutorio que rexentaba no ensanche compostelán. En total, foron catro persoas detidas e máis de dous quilos de cocaína intervidos pola policía. Calculan que podía chegar aos 200.000 euros no mercado.

A Fiscalía pedía 12 anos de cadea para o suposto líder da banda, o único en prisión dende a detención. As partes chegaron a acordo, retiráronse os cargos de pertenza a organización criminal e a pena rebaixouse á metade.

"Quedou na metade do que se solicitaba, de 12 anos de prisión a seis", explica a avogada Carmen Ventoso. "El está conforme porque a rebaixa suporá que en breve poida acceder a permisos e comezar unha vida nova", engade. 

A pena para o principal procesado quedou entón en 6 anos de prisión, máis 200.000 euros de multa. O acordo tamén rebaixou as penas dos outros acusados, que recoñeceron os feitos. Para os homes pedían 10 anos, que quedaron en 3; e para a muller rebaixouse de 9 anos a 18 meses.

En principio, estes non entrarán en prisión: a pena queda en suspensión durante catro anos, condicionada a que se manteñan sen consumir substancias nin delinquir. A sentenza é firme, ao comprometerse os acusados a non presentar recurso. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade