Os fillos do acusado de esganar a muller din que ela aparecía con negróns e dicía que caera
Veciños da vítima e do procesado declaran que a relación entre ambos era conflitiva e había moitos berros
O investigado dará a súa versión dos feitos o último día da vista, previsiblemente o 23 de outubro
Na primeira xornada da vista oral declararon os catro fillos da vítima e do procesado. Un deles contou que hai anos que non se tratan e que a causa desta deterioración da relación é porque "nunca soubo ser un pai normal e corrente", dixo.
Describiuno como un home de carácter forte e dominante, sobre todo coa súa nai, á que "non lle permitía facer absolutamente nada". Contou tamén que vira comportamentos agresivos do investigado cara á súa proxenitora. E explicou que soubo da morte da súa nai, ao día seguinte, por unha mensaxe ao móbil que lle enviou "este señor", dixo, facendo alusión ao seu pai.
Declararon tamén veciños do inmoble da avenida Gran Canaria, onde convivía o matrimonio. "Entre as 23:30 h e as 00:30 h desa noite escoitei que lle chamou borracha e lle dixo que ía acabar na cadea pola súa culpa".
Policías xudiciais manifestaron que, ao día seguinte, se entrevistaran con varios veciños que falaban dunha "relación conflitiva, na que había moitos berros". E contaron tamén a versión que lles deu o propio investigado.
"Que ao chegar se atopou coa muller ebria, foi ao salón e contra a unha ou unha e media marchou para a cama e cando estaba metido, escoitou un golpe e era que caera a súa muller. Que intentou reincorporala e ao non poder, arroupouna e colocoulle unha almofada e que, ao día seguinte, cando espertou e viu que non tiña sinais de vida, avisou aos servizos de urxencias".
Para a Fiscalía non hai dúbidas. O acusado é o autor da morte da súa muller. Unha morte, di, causada de xeito voluntario e aproveitando unhas circunstancias moi concretas para asegurar o resultado final. Pide para el un total de 26 anos e medio de cadea. Os mesmos que as tres acusacións particulares e a acusación popular.
"É unha agresión no domicilio, a muller non estaba ben e aproveitou esa situación para acabar con ela", explica Arancha de Miguel, avogada da acusación particular.
A defensa di que non houbo ningunha manobra homicida. Fala dunha morte accidental, polo que solicita a libre absolución. Subsidiariamente pide que sexa condenado por un delito de homicidio imprudente ou homicidio preterintencional.
O acusado prestará declaración o último día do xuízo, previsto para o venres 23 de outubro.