A denunciante da violación do exmozo en Cangas di que só quere que desapareza da súa vida
A Fiscalía pide para o acusado, quen nega o ocorrido, 18 anos de cárcere e case 50.000 de indemnización
O acusado, un home de corenta e dous anos e que xa levaba unha pulseira telemática en relación cunha parella anterior, negou todos os feitos dos que o acusa a muller. A violación, as ameazas, os graves insultos e o suposto constante acoso e persecución tanto na súa casa como no seu posto de traballo, segundo acreditou tamén algunha testemuña, chegando os seus xefes a dicirlle que non fose traballar porque estaba el alí.
A vítima prestou declaración tras un biombo e a preguntas da fiscala dixo rexeitar calquera indemnización económica, o que quere é que este home desapareza da súa vida e da dos seus fillos. Falou de constantes ameazas, insultos e intimidacións, e da violación en que el ameazou con tirarse pola fiestra, segundo dixo.
Precisamente o medo polos fillos foi o argumento da denuncia que presentou un mes despois da suposta violación no hotel de Cangas onde pernoitaba o acusado.
A Fiscalía pide para o home, con antecedentes penais 18 anos de cadea e case 50.000 euros de indemnización, tendo en conta a súa recuperación psicolóxica e as secuelas que padece.