Publicador de contidos

Publicador de contidos

O perigo dos rebentóns nos camións: picadas e defectos na estrada poden provocar un accidente

O perigo dos rebentóns nos camións: picadas e defectos na estrada poden provocar un accidente

Na actualidade é moi raro que un pneumático novo rebente pero poden sufrir danos que os acaben rompendo

Controlar a presión é un factor fundamental para mellorar a seguridade nos vehículos pesados

G24.gal 13/10/2026 15:24

A día de hoxe xa é raro escoitar un "rebentón". A diferenza do que acontecía hai anos, os pneumáticos modernos, cando se colocan novos, apenas rebentan.

Pola contra o normal é que aguanten durante toda a súa vida útil, milleiros e milleiros de quilómetros, ata que toca cambialos. Pero as rodas poden sufrir danos que, tecnicamente, acaban causando o que entenderiamos por un rebentón.

E no caso dos vehículos pesados, sobre todo, iso pode ocasionar accidentes moi graves. É algo que ven a diario nos talleres especializados.

"É moi difícil ou imposible. Un pneumático novo é imposible que rebente. Despois hai factores: que están as estradas como están, picadas, bordos, ao facer manobras ás veces tamén sofren moito", asegura Manuel González, responsable do enorme taller no Porriño da cadea Rodi Motor Services.

As probas dos danos que sofren as cubertas poden verse nun dos almacéns do taller, unha especie de cemiterio de pneumáticos. Alí acaban incluso as enormes rodas dos vehículos das canteiras que se poden ver directamente dende alí. Un golpe cunha pedra, unha fochanca, unha picada... poden acabar estragando un pneumático.

No coidado dos pneumáticos o factor fundamental é a presión. Manter un inflado correcto reforza a seguridade. De feito, e é algo que non todo o mundo ten claro, circular con baixa presión pode provocar o que se entende como un rebentón, porque a roda colle demasiada temperatura.

"Debería verse, ollo, porque un coche que teña diferenza de presión ten moito, moito perigo", asegura Suso, un condutor que acaba de entrar no taller.

Ademais, os pneumáticos adoitan levar danos polos problemas que hai nas estradas. É unha queixa habitual dos transportistas. Un golpe nunha fochanca ou un obxecto caído no asfalto poden estragar unha roda. E iso supón centos de euros, só polo cambio da peza.

"Co que máis coidado hai que ter é coa limpeza das estradas, que é desastrosa", quéixase Antonio Plaza, un transportista de Verín mentres amosa un parafuso cravado na cuberta que acaban de retirar nun camión".

No caso dos camións o perigo viaxa sobre todo nos remolques. Porque se un pneumático sofre danos o chofer tarda moito tempo en decatarse. E xa pode non ter remedio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos