Comeza a vacinación antigripal sen picada para máis de 26.500 escolares de 75 colexios
Este é o segundo ano en que os nenos de entre 2 e 11 anos poden vacinarse na súa escola
O obxectivo, alcanzar unha cobertura infantil de 60 % en Galicia
A segunda edición do proxecto piloto de vacinación antigripal escolar sen picada comezou este martes en 75 centros educativos para inoculala en 26.536 escolares co obxectivo de alcanzar unha cobertura infantil de 60 % en Galicia.
Así o indicaron os conselleiros de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e de Educación, Román Rodríguez, no inicio da campaña no centro educativo de infantil e primaria As Fontiñas, en Santiago de Compostela.
Este proxecto piloto de vacinación levarase a cabo este ano en 20 colexios máis que o curso pasado e a 7.500 escolares máis que na primeira edición.
Gómez Caamaño indicou o obxectivo de alcanzar polo menos 60 % de cobertura antigripal na poboación infantil, inmunizada desde os 6 meses aos 11 anos, que na última campaña chegou ao 54 %.
Á marxe do proxecto piloto escolar, hoxe tamén nos centros de saúde iníciase a vacinación para toda a poboación infantil, que a partir de 2 anos recibe a vacina intranasal sen picada.
Os conselleiros de Sanidade e Educación agradeceron a implicación das familias na protección da saúde dos menores, aos equipos de enfermería do Sergas que se desprazan aos centros educativos, e aos responsables dos colexios que colaboran na organización do proxecto piloto para favorecer a conciliación familiar, ao evitar ter que acudir noutro momento ao centro de saúde para vacinar os fillos.
Maiores e persoal sanitario
A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid empezou o 28 de setembro polas residencias de maiores e centros sociosanitarios, e o vindeiro luns 19 de outubro estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios.
Posteriormente, o 2 de novembro, a Xunta continuará coa vacinación de mulleres embarazadas e o 9 de novembro coas persoas a partir de 60 anos.