Convocatoria extraordinaria para a vacinación fronte á gripe para nenos de 6 meses a 11 anos
Son dous días de vacinación que comezaron o venres nos hospitais comarcais
Ata as oito da tarde están citados máis de 33.000 nenos para inmunizalos fronte ao virus da gripe
Sanidade activou a convocatoria extraordinaria para protexer fronte á gripe aos nenos de 6 meses a 11 anos. O venres á tarde estaban citados nos hospitais comarcais e na xornada deste sábado administran as doses no resto de hospitas das sete áreas sanitarias. Foron moitas as familias que reservaron un anaquiño do festivo para se vacinar.
"Todo o que sexa protexer os nenos, nunca está demáis. Xa vacinamos o máis pequeno que ten tres anos e agora a este de seis."
"Se podemos evitar que haxa contaxios e que o leven de xeito máis leve... por eso os trouxemos."
"Para evitar que contaxien outros nenos, xa na súa clase tiveron varios brotes. É por precaución.", contan os pais dos rapaces tras vacinalos.
Este chamamento citou a máis de 33.000 rapaces e completa o programa piloto que se desenvolveu nos colexios, tamén con doses intranasais, e que permitiu inmunizar case á metade da poboación infantil.
"Están afeitos a que os vacinen, pero sempre é con picada e esto lévano moito mellor. Veñen facer un lavadiño de naris, cun suero, e para eles é unha maravilla." Explica a enfermeira de pediatría do hospital de Santiago Belén Castelo.
Estas convocatorias teñen por obxetivo ampliar a taxa de vacinación fronte á gripe, ata o de agora máis de 750.000 persoas xa recibiron a dose. Son medidas que forman parte do plan de inverno que Sanidade puxo en marcha a mediados de novembro cando se detectou o comezo do andazo deste ano.