Rescatan unha camiñante de 51 anos que quedou ferida ao esvarar nunhas pedras do río Umía
Foi nun tramo da ruta da fervenza de Segade, en Caldas de Reis
Para rescatar a muller houbo que mobilizar un amplo equipo de emerxencias debido á dificultade de acceso ao lugar do accidente
"Sei que estaban sacando unhas fotos no medio do río e debeu de caer aí, despois veu a ambulancia, a Garda Civil, bombeiros, veu todo aí", di un veciño.
O paseo dunha parella de turistas sevillanos pola contorna do río Umia en Caldas de Reis rematou de xeito accidentado este domingo contra o mediodía. A muller de 51 anos mancouse ao esvarar e caer entre as pedras.
"Nun primeiro momento non a atopabamos porque pensamos que era na fervenza pero non, era no paseo", di Miguel Ángel Couto, responsable de Emerxencias de Cuntis.
Contra as once da mañá unha chamada alertaba do sucedido o 112 que poñía en marcha un amplo dispositivo de rescate. Porque o lugar do sinistro é de difícil acceso.
"Complicado, en principìo puxéronse bombeiros pola parte dianteira, mentres o 061 a estabilizaba e subírona na padiola niño", explica Miguel Ángel Couto.
Unha vez na ambulancia foi trasladada ao hospital de Montecelo de Pontevedra con sospeitas de varias fracturas. Os profesionais de emerxencias pidenlles aos camiñantes prudencia, especialmente na contorna da fervenza de Segade, onde as caídas son frecuentes.