Activos dous incendios forestais no Porto do Son e en Gondomar
No do Porto do Son, as primeiras estimacións son de que a superficie queimada supera as 20 hectáreas
A motobomba municipal de Noia que participaba nos traballos de extinción caeu por un terraplén
A columna de fume do incendio do Porto do Son é visible desde varios puntos das comarcas do Barbanza e Noia
Un incendio forestal está activo no municipio do Porto do Son. Nel traballan varios medios de extinción. A Consellería do Medio Rural explica que o lume se iniciou ás 14:42 horas na parroquia de Ribasieira. As primeiras estimacións apuntan que a superficie queimada supera xa as vinte hectáreas.
Nas tarefas de extinción traballan: sete helicópteros, cinco avións, doce brigadas, nove motobombas, dúas pas, sete axentes, dous técnicos e dúas unidades técnicas de apoio. O Goberno central, enviou a este incendio un avión FOCA e unha brigada.
Unha das motobombas que participan nos traballos de extinción, a do Concello de Noia caeu por un terraplén, por causas que se descoñecen. As primeiras informacións, apuntan que o condutor e único ocupante do vehículo, saíu polo seu propio pé e consciente. Unha ambulancia atendeuno no lugar do accidente.
🔥 O PORTO DO SON A motobomba municipal de Noia, que participaba na extinción dun incendnio, caeu por un terraplén e deixou o condutor ferido leve https://t.co/7pMyIoaGEA
— G24 (@G24Noticias) September 21, 2026
O lume provocou unha columna de fume visible desde diferentes puntos da comarca do Barbanza.
En Gondomar o lume empezou na parroquia de Donas
En Gondomar hai outro incendio forestal activo. Segundo fontes da Consellería do Medio Rural, o lume comezou minutos antes das 16:45 horas na parroquia de Donas. Os primeiros cálculos apunta que as lapas queimaron 12 hectáreas.
No entanto, mobilizáronse xa dúas avionetas, un helicóptero, así como tres axentes, un técnico, sete brigadas e ata cinco motobombas. A este incendio o Goberno enviou dous avión tipo Tango.