Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio mobiliza máis de 500 efectivos no centro de Portugal

Un incendio mobiliza máis de 500 efectivos no centro de Portugal

O lume orixinouse en dous focos separados pero próximos entre si que acabaron uníndose nunha única fronte

 É o incendio que máis preocupa as autoridades do país, no que hai neste momento 27 lumes activos nun contexto de temperaturas moi altas

G24.gal 19/09/2026 19:59

Un incendio forestal declarado este sábado no distrito de Coímbra, no centro de Portugal, forzou a mobilización de máis de 500 efectivos e doce medios aéreos, nunha xornada de suba das temperaturas e perigo de lume elevado.

As chamas comezaron en dous focos separados, pero moi próximos entre si con apenas dous quilómetros de distancia, e acabáronse convertendo nunha única fronte que agora combaten as autoridades, explicou a EFE unha fonte da Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil (ANEPC).

O primeiro incendio comezou ás 13:35 hora local (unha hora menos GMT) na zona de Pombeiro da Beira, no municipio de Arganil, e o segundo seis minutos despois en Vila Nova de Poiares.

As chamas chegaron á aldea de Sabouga e poñen en risco algunhas vivendas, agregou a ANEPC, aínda que polo momento non se rexistran danos materiais.

En total, hai activos 27 incendios en territorio portugués este sábado, dos cales o de Coímbra é o que máis preocupa as autoridades.

Coinciden cun episodio de calor que levou o Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera (IPMA) a emitir avisos amarelos para nove distritos: Viana do Castelo, Braga, Porto, Aveiro, Coímbra, Leiría, Lisboa, Santarém e Setúbal.

Preto de 40 municipios do centro e o sur do país atopábanse este sábado en perigo máximo de incendio forestal e ao redor doutros cen, en risco moi elevado.

O prognóstico meteorolóxico prevé máximas superiores a 30 graos en boa parte de Portugal continental e próximas a 38 en puntos do Alentejo e do val do Texo.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade