Preto de 450.000 persoas visitaron o Parque Nacional das Illas Atlánticas este verán
O turismo familiar e os peregrinos fan medrar as visitas
O bo tempo que se prolonga neste mes de setembro fai que a demanda tamén suba notablemente nesta última quincena
Preto de 450.000 persoas visitaron o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante a tempada de verán, período que se estende desde o 15 de maio ata o 15 de setembro, unhas cifras que superan nun 3,1% as rexistradas no mesmo período de 2025.
Así o anunciou este sábado, durante unha visita ao arquipélago de Cortegada, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen destacou tamén que estes datos confirman que o parque nacional segue sendo un dos espazos naturais máis visitados da comunidade durante a época estival.
Indicou que estas cifras "consolidan" a tendencia ascendente detectada nos últimos anos en canto á afluencia a este espazo protexido.
Vázquez sinalou tamén que desde xaneiro os catro arquipélagos recibiron algo máis de 478.000 visitas, un cómputo que practicamente iguala o de todo o ano anterior á espera aínda de máis de tres meses para pechar o exercicio.
Agosto concentrou as cifras máis altas de visitas e a conselleira destacou tamén o aumento da afluencia no tramo final da época estival, xa que na primeira quincena de setembro o balance de viaxantes superou en case un 40% o do ano anterior.
Durante os catro meses da tempada alta detectouse un aumento dos peregrinos que combinan a experiencia do Camino de Santiago coa visita a algunha das Illas Atlánticas, un aumento do turismo familiar e tamén das actividades de lecer ligadas ao mergullo.