Os bois máis caros do mercado xa están madurando
Trátase de dous animais criados en Arzúa e que hai dous días batían prezos récord no mercado gandeiro de Silleda: preto de once mil euros cada un
Para estaren listos para o consumo, deben pasar entre 40 e 100 días de maduración
A ourensá Cárnicas Viana pagou 21.575 euros por dous bois, que destacan entre o resto polo seu tamaño.
"Polos quilos, pola conformación... É top gama", explica Mar González López, de Cárnicas Viana.
Os dous foron criados nunha explotación de Arzúa. Naceron en 2022 e alcanzaron no mercado agropecuario de Silleda os dous prezos máis altos da súa historia, case once mil euros un e dez mil seiscentos o outro.
"Primeiro porque hai moi poucos. Custa moito facer un animal destes. E segundo porque son carnes que teñen moita graxa e custa moito facela: a alimentación é fundamental, a crianza, o manexo...", explica Mar.
A escaseza de bois é un dos factores que determinan o prezo e, por suposto, a calidade da carne.
"O que diferenza o boi da vaca, da tenreira, son as propiedades organolépticas: a textura, o sabor, o aroma, a cor... Como podemos ver, os bois teñen unha infiltración externa moi potente, pero tamén interna", sinala.
Non se sabe aínda a que mesa irán parar. Antes de consumir, deben pasar por un proceso de maduración que se prolonga entre 40 e cen días.