Furtivos da centola: no que vai de campaña incautáronse 1.300 quilos
Gardacostas, confrarías e forzas de seguridade intensifican os controis
Vixían toda a cadea, desde o mar ata o prato, para protexer o recurso
Xa días antes de que abra a veda, os furtivos da centola van acumulando nos fondos o seu particular botín. Exemplares pescados ilegalmente que supoñen un grave prexuízo ecolóxico e económico para o sector.
"Aféctanos na cantidade de recurso dispoñible e nos prezos que pagan por elas, canto máis haxa no mercado máis baixan os prezos", explica o patrón maior de Aguiño.
Esta é unha das últimas incautacións. Colleron o mergullador saíndo da auga en Cangas. Pero moitas veces as infraccións detéctanse no mar, en barcos que exceden os cupos ou en miños calados de xeito ilegal.
"Esta fin de semana por exemplo levantamos preto de Corrubedo seis quilómetros de redes de enmalle caladas irregularmente con 170 quilos de centola que devolvemos ao mar", di Enrique Rodríguez, xefe de Vixilancia do Servizo de Gardacostas de Galicia.
No mar, nos mercados, no transporte, nos restaurantes..., os controis aplícanse en toda a cadea para evitar que a centola ilegal chegue ás mesas.
"Se a centola está viva devólvese ao mar na zona. Se é unha intervención nunha lonxa e xa están mortas o que facemos é envialas a obras benéficas", enfade o xefe dos gardacostas.
Semella que os controis, as sancións e a concienciación social van facendo o seu efecto. Pero convén non baixar a garda para protexer un dos recursos estrela das nosas rías.
"Xa non se ven tantos furtivos como había hai anos, son moitos menos. Pero aínda precisamos que se controle e se meta man nisto porque se queremos especies no mar hai que coidalas", conclúe o patrón maior de Aguiño.
Coidar o mar para poder seguir vivindo del sen a competencia dos furtivos e do mercado negro que os sustenta.