A acumulación de argazo complica a campaña da centola na Arousa
As algas proliferaron e non houbo temporais que as levaran
Quedan prendidas nos miños e limpalas supón horas de traballo
"Está o mar podre, as centolas é moi bonito collelas pero mira o lixo que collemos tamén nos fondos"
Así de amolados están os mariscadores do Grove pola acumulación de algas nos aparellos cos que capturan as centolas.
"Segundo onde largues hai lixo, se colles unha poza de golfeiro precisas dous homes para levantar o aparello"
"Son golfeiros con cañota, están na pedra quedas pero ven o mar e caen cara a zona limpa e colles porquería"
"Ás centolas mal non sei se lle fan, pero a nós si que nos perxudican. As algas tapan todo o aparello e tumban todo"
A diferenza doutras zonas onde falan de alga asiática, nos seus miños está a entrar argazo do país. O habitual é que os temporais o limpen dos fondos antes de novembro. Pero este ano a revoltura chegou tarde.
"As maruxías non chegaron a tempo, nin a finais de verán, a primeira veu agora na apertura de campaña esta semana e non foi forte, tiña que vir máis forte para que botara fora todo isto"
E con tanto argazo nas redes, os traballos complícanse e suman horas no barco.
"Perdes dúas ou tres horas, porque tardas moito máis en levantalo porque pesa moito e logo tes que pasalo a popa e limpalo"
Por iso, moitos deciden non perder máis tempo a bordo e cargan ata porto os aparellos co esterco.
"Eu non teño tempo a limpalos, non acabo. Eu pícoos e que as redeiras me fagan uns novos"
"Nós levámolos a terra, facemos unha morea no peirao e cando estea seco e teñamos algo de tempo xa o limparemos"
Malia este contratempo, a campaña da centola arrancou con capturas de calidade e un prezo máximo de 31 euros o quilo na lonxa meca. Datos que os animan a afrontar con mellor humor o traballo extra que lles dan as algas...
"O lixo está agardando por min. Agora dedícome a limpar", di con ironía un dos mariñeiros.