Arranque "moi positivo" da campaña da ameixa babosa en Aguiño
As cen embarcacións completan as cotas en menos de tres horas
As cotizacións medias acadaron os 26 euros quilo
Esperanza e boas sensacións entre os mariscadores de Aguiño. A campaña de ameixa babosa arrincou cos raños cheos nos bancos da confraría.
"Había anos que non tiñamos un comezo tan bo".
"Levamos tres días con hoxe, collemos a cota e vemos que hai cría".
"Xa o ano pasado comezou a mellorar. Pero este ano está a ser moi positivo o comezo", explica Manuel Ángel Reiriz, presidente da Asociación de Mariscadores de Carreira e Aguiño.
En menos de tres horas as embarcacións regresaban a porto despois de completar a cota máxima de dez quilos por tripulante.
"So podemos traballar esas tres horiñas para coidar o recurso pero estamos logrando coller as cotas"
Tampouco teñen queixa das cotizacións, que acadaron un prezos medio de 26 euros o quilo.
"Establecemos un mínimo de 20 euros e de momento non baixou".
"Non nos podemos queixar, están indo a 22, 26 e 34 euros".
Despois de dez anos de caída, nos que a ameixa criaba pero non medraba, semella que o recurso volveu coller forza en Aguiño.
"É un balón de osíxeno, unha esperanza para o sector que quere seguir facendo un traballo moi digno", conclúe Manuel Ángel Reiriz.
A idea é ir aguantando o recurso ata o Nadal, datas en que o prezo da ameixa se dispara e os mariscadores sacan maior partido desta campaña en que participan cen embarcacións.