Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conservas de calidade con produtos do mar exquisitos, indispensables nas cestas de Nadal

Conservas de calidade con produtos do mar exquisitos, indispensables nas cestas de Nadal

A creatividade inspira conservas que propoñen combinacións orixinais de mar e terra

G24.gal 19/11/2026 21:59 Última actualización 19/11/2026 22:30

As nosas costas son ricas en produtos que son unha auténtica delicia xa ao natural. Se ademais os combinamos con outros alimentos ou os elaboramos de distintas formas, gañan en calidade e sabor. O mundo das conservas é cada vez máis extenso e con presentacións para todos os gustos. Unha boa opción agora que se achega o Nadal.

A creatividade inunda a sección das conservas de produtos do mar. Temos ata xoubas condimentadas con ouro. "Unhas xoubas de Rianxo, que son as que mellor están catalogadas aquí, levan unha lámina de ouro de 24 quilates no medio da latiña. O ano pasado foi un auténtico éxito esta conserva", di Rosi Cameselle, empregada da tenda de produtos exquisitos Vazey, no centro de Vigo.

Múltiples formas de preparar unhas simples ameixas, mexillóns, ourizo, navallas ou sardiñas. "Prácticamente de todo, ademais engádeselle o que se lles poida ocorrer. É o caso destas xoubiñas con pemento de padrón, que aos turistas chamoulles moito a atención", sinala a encargada da tenda.

A experimentación gastronómica ou a economía circular producen maridaxes ata hai pouco impensables. "Por exemplo lombos de bonito con trufa negra en aceite oliva. Temos tamén coral de vieira con trufa negra. En fin, produtos todos galegos que combinan mar con terra, que quedan moi ben", relata Miguel de Matos, xerente da tenda Delicatessen Enxebre.

Hai conservas que son case como pezas para coleccionistas, dispostos a pagar cen euros ou máis por unha soa lata. "Leva máis de dez anos en conserva. É un produto exclusivo porque xa pechou a fábrica que os facía, e esta é unha das últimas que nos quedan", comenta Rosi Cameselle.

A exclusividade é cara. Con todo, hai produtos asequibles a petos menos podentes. "Que non está en discusión a boa e alta cociña cunha boa conserva. E se é produto galego, pois mellor", asegura Miguel de Matos.

Ás portas do Nadal, pensando xa en agasallos e cestas de empresa, non pode faltar unha conserva galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade