Vigo crea La Navideña, un certificado que acredita a visita á cidade durante as festas
O rexedor explicou que este recoñecemento permitirá aos turistas non só levarse o recordo e as ganas de volver á urbe olívica, senón un documento que acredita que estiveron no Nadal de Vigo
Caballero indicou que estarán numeradas, o que permitirá saber cantas persoas sacaron a súa acreditación, ao estilo Compostela do Camiño do Santiago
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a creación de La Navideña, un certificado que acredita a todos os visitantes que pasaron pola cidade durante as festas.
Nun acto levado a cabo na rúa Príncipe, o rexedor explicou que este recoñecemento permitirá aos turistas non só levarse o recordo e as ganas de volver á urbe olívica, senón un documento que acredita que estiveron no Nadal de Vigo.
Para conseguila, o Concello distribuirá QR nos principais puntos neurálxicos das luces da cidade, que poderán ser escaneados e, tras poñer uns datos (nome e código postal e foto, se desexan), poderán obter a acreditación no seu móbil.
Tamén en Príncipe haberá unha caseta do Nadal onde se imprimirán de forma física, no caso de que os turistas queiran levala de recordo en formato papel. Caballero indicou que estarán numeradas, o que permitirá saber cantas persoas sacaron a súa acreditación, ao estilo Compostela do Camiño do Santiago.
"Sabemos que van ser millóns, porque é un gran recordo do Nadal", reivindicou o alcalde ante os medios de comunicación, chanceando con que os turistas se la levarán ao seu lugar de residencia, enmarcarana e estará "no sitio máis importante da súa casa".