Galicia roza os 2,74 millóns de habitantes tras sumar 5.453 no terceiro trimestre
No conxunto de España, a poboación residente aumentou en 130.233 persoas no terceiro trimestre do ano polo incremento de cidadáns estranxeiros, ata alcanzar os 49.935.642 habitantes, o valor máximo da serie histórica
TVG
Galicia sumou 5.453 novos habitantes durante o terceiro trimestre deste ano e a súa poboación residente situouse en 2.739.351 persoas o pasado 1 de outubro, o 0,20 % máis que tres meses antes, grazas ao incremento da poboación de orixe estranxeira.
Os datos provisionais publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE) recollen que o número de persoas nadas no exterior aumentou en 7.246 respecto ao trimestre anterior, o que compensou a caída de poboación nada en España, con 1.793 habitantes menos.
O 86,1 % da poboación de Galicia (2.358.258) naceu en España, mentres que o 13,9 % restante naceu no estranxeiro (381.093). Por nacionalidade, o 92,4 % dos residentes (2.532.155) tiña pasaporte español e o 7,6 % (207.196) era de nacionalidade estranxeira.
A poboación nada no estranxeiro é maior que a de nacionalidade estranxeira polos procesos de adquisición de nacionalidade española.
O 51,8 % da poboación galega (1.418.164 persoas) son mulleres e o 48,2 % (1.321.187), homes.
No último ano, Galicia gañou 14.137 habitantes e a súa poboación aumentou un 0,52 %.
A pesar de este incremento, mantense por baixo do valor máximo da serie histórica -iniciada en 2002-, os 2.773.415 habitantes que había ao 1 de xaneiro de 2011.
No conxunto de España, a poboación residente aumentou en 130.233 persoas no terceiro trimestre do ano polo incremento de cidadáns estranxeiros, ata alcanzar os 49.935.642 habitantes, o valor máximo da serie histórica.