Os estranxeiros salvan os sectores onde falta man de obra: "É onde nos brindan máis oportunidades"
Segundo a Confederación de Empresarios, urxen traballadores, sobre todo, na construción, a hostalaría e o transporte
Patronal e sindicatos coinciden en que os horarios e os salarios son os principais atrancos para atopar xente
Aparecen exemplos practicamente sen saír de casa. Os traballadores estranxeiros son habituais, cando non maioría, en moitas obras por toda Galicia. A construción é un dos sectores con máis presenza de persoas chegadas doutros países. Algúns son profesionais con titulacións universitarias dispostos a ocupar os postos que non dan cuberto as empresas.
"Apenas que me deron o permiso de traballo vin á construción, que é onde nos brindan máis oportunidades aos estranxeiros", relata Róber Rodríguez, un dos dous venezolanos que, xunto cun compañeiro do Brasil, están iniciando a reforma dun piso no centro de Vigo.
Segundo a Confederación de Empresarios de Galicia, a construción é un dos sectores con máis necesidade de man de obra. Tamén a hostalaría, o transporte e os coidados non especializados. En moitos deses empregos hai persoas chegadas de fóra de España. Sen eles, as empresas non poderían funcionar.
"Na construción estamos vivindo un momento no que dis: como é posible que haxa tanto traballo pendente, que me chamen a diario e que esteas dando prazos de 'Mire, pódolle facer a obra en outubro do 2027'?", asegura Pascual Codeso, o xestor da empresa ourensá Xestam Obras y Servicios.
Por que non hai traballadores para estes sectores? A CEG di que en Galicia os principais atrancos son os horarios (un problema no 31 % dos casos) e os salarios (25 %). Os sindicatos coinciden en que son necesarios cambios para facer estes sectores máis atractivos.
"Á parte do salario é a posibilidade de conciliar e a xornada. Noutros lugares do estado e de Europa a xornada é moito máis pequena ca aquí", apunta Francisco Sío, o responsable de Negociación Colectiva da CIG.
Os sindicatos aseguran que tamén faltan traballadores cualificados, por outra razón: cren que durante as últimas décadas moita xente nova marchou de Galicia buscando fóra mellores condicións laborais.